ALCALDÍA

O alcalde, satisfeito cos máis de 420.000 viaxeiros que xa transportou o autobús público ao aeroporto de Lavacolla

10/11/2011 O alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, xunto co conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, realizaron unha viaxe no autobús da liña de transporte público ao aeroporto, só uns días despois da entrada en funcionamento da última das tres unidades de plataforma baixa previstas para o servizo. Xunta e Concello traballan agora para achegar a parada de Doutor Teixeiro máis ao centro e para levar o autobús ata estación de ferrocarril.

Conde Roa agradeceu ao conselleiro a "aposta polo transporte a Lavacolla". Así, indicou que as cifras demostran o "éxito" da liña, coa que "prestamos un gran servizo aos cidadáns". Tamén deu grazas á empresa polo seu esforzo na renovación da flota de vehículos.

De cara a mellorar aínda máis o servizo, o alcalde segue apostando por unha parada en Doutor Teixeiro máis próxima á praza de Galicia, recoñecendo que esta é unha área da cidade "especialmente difícil". O Concello está a falar coa Xunta e tamén cos comerciantes co fin de concretar este aspecto.

Tampouco descartou Conde Roa que, no futuro, "os autobuses poidan facer algunha parada a carón do casco histórico, aínda que non sexa en horas punta". Neste sentido recordou que Virxe da Cerca é hoxe unha zona "saturada de tráfico e de autobuses".

Tamén para mellorar a intermodalidade, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas vai solicitar ao Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF), a posibilidade de que os autobuses poidan entrar na estación de tren, tal e como se está facendo xa na estación de autobuses.

Trece usuarios de cada cen viaxeiros do aeroporto
Máis de 420.000 usuarios empregaron o servizo de conexión co autobús ao aeroporto de Santiago dende a súa posta en funcionamento, en xullo do ano pasado, segundo informou o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández. Así, 13 de cada 100 persoas que viaxan polo aeroporto de Lavacolla empregan este autobús para os seus desprazamentos.

Trátase dun servizo exemplo de intermodalidade, que conecta cada media hora o aeroporto coa estación de autobuses, de trens e o centro de Santiago con prezos moi asequibles e cunha alta calidade e que segue a mellorar, como reflicte a dotación dun novo vehículo de plataforma baixa, que comezou a operar recentemente.

Os novos servizos de transporte entre o aeroporto de Lavacolla e Santiago de Compostela, que iniciaron o seu percorrido o 1 de xullo de 2010, están operativos 18 horas ao día os sete días da semana. Este feito supón ter un autobús cada 30 minutos, dende as seis da mañá ata máis alá da media noite, cunha parada de saída unificada, situada na rúa Doutor Teixeiro. O primeiro servizo sae dende Santiago cara o aeroporto ás 6:00 e o último ás 00:00 horas. No sentido contrario, o primeiro servizo sae do aeroporto ás 06:45 e o último ás 00:45 horas. En total, 94 viaxes cada día.

Polo que respecta aos datos de 2011, destaca o incremento rexistrado entre xaneiro e setembro deste ano, comparado co mesmo período de 2010, que ascende un 40%. En canto ás franxas horarias, as horas nas que o número de viaxeiros é maior son as nove da mañá, as oito da tarde e as seis da tarde, mentres que as paradas que máis usuarios captan son a do aeroporto, Doutor Teixeiro e estación de autobuses.

Estación do AVE
A preguntas dos xornalistas sobre a estación do AVE, o alcalde reiterou unha vez máis que "non vai ser pagada con aproveitamentos urbanísticos que supoñan maior solo comercial ou maior solo residencial nesta zona, xa sobresaturada". Insistiu tamén en que é "absolutamente inapropiado facer un edificio antes de ter o planeamento urbanístico".

Compartir: