CONSORCIO

O físico inglés Roger Penrose recollerá o Premio Fonseca o 23 de novembro

13/10/2011 Logo da visita en xuño do Premio Nobel de Medicina Richard Roberts, o Programa ConCiencia 2011 traerá a Santiago proximamente a dúas novas figuras científicas de primeira orde. O 10 de novembro visitará a cidade o Nobel de Química en 2005, Richard Schrock, e o 13 de decembro farao o de Física en 1979, Sheldon L. Glashow. Pola súa banda, Roger Penrose recollerá o Premio Fonseca o 23 de novembro.

O programa destas visitas presentárono alcalde de Santiago e presidente do Consorcio, Xerardo Conde Roa; o reitor da USC, Juan Casares Long; e o profesor da USC e responsable de ConCiencia, Jorge Mira. Anunciaron que o primeiro dos ilustres visitantes será Richard Schrock (1945, EE.UU.) quen mereceu o Nobel polo desenvolvemento do método da metátese na síntese orgánica que permite cambiar átomos de lugares. Este achado abre a porta á construción de moléculas sen máis límite que a propia imaxinación, máis aló do que existe na natureza (a imaxe usual para ilustrar este mecanismo de intercambio atómico para compoñer novas moléculas é a dun baile no que as persoas poden cambiar de parella). O seu descubrimento tivo inmediata aplicación na industria farmacéutica e na do plástico.

Schrock, que traballa no Instituto Tecnolóxico de Massachussets (MIT), pronunciará o 10 de novembro unha conferencia co título Todo sobre o Premio Nobel de Química 2005.

Sheldon L. Glashow
O 13 de decembro participará en ConCiencia unha das lendas vivas da ciencia, Sheldon L. Glashow. Este físico estadounidense conseguiu un dos pasos máis importantes da física, como é unificar dúas interaccións fundamentais da natureza: o electromagnetismo e a forza nuclear feble responsable da radioactividade. A súa investigación valeulle en 1979 o Premio Nobel.

A súa visita coincide co recente anuncio dun experimento no CERN que parece indicar que os neutrinos superan a velocidade da luz, algo que precisamente Glashow -un dos principais expertos no tema- refuta nun estudo que acaba de publicar.

A conferencia deste profesor da Universidade de Boston –ás 20:00 horas no Auditorio Novacaixagalicia (Preguntoiro, 23)- levará por título ‘Unha breve historia da física de partículas’.

Premio Fonseca
Nese mesmo auditorio, o físico matemático inglés Roger Penrose (Inglaterra, 1931) recollerá o 23 de novembro o IV Premio Fonseca nunha cerimonia na que pronunciará a conferencia Mirando a través do Big Bang cara a outro mundo. Penrose colle a estela de Stephen Hawking, James Lovelock e David Attenborough na consecución dun galardón co que o Programa ConCiencia recoñece a magnitude da repercusión social da acción divulgativa da ciencia.

Membro da Royal Society de Londres, en 1990 gañou o Science Book Prize e dous anos antes compartiu con Stephen Hawking o Premio Wolf en Física, considerado a antesala dos Nobel. Precisamente en 1965, en Cambridge, probou con Hawking, con quen ten varias obras publicadas, que as singularidades poden formarse a partir do colapso de inmensas estrelas moribundas.

Moito tempo antes, en 1965 como estudante, o novo Premio Fonseca reinventou a inversa xeneralizada, máis coñecida como a inversa Moore-Penrose. Outro descubrimento produto das súas investigacións nos anos sesenta sería a hipótese de censura cósmica, que propón que o universo nos protexe da impreditibilidade das singularidades como os buratos negros ocultándoos da vista. Resolver isto é un dos problemas máis importantes na teoría da relatividade.

É importantísima tamén a "teselación de Penrose" (ou "chan de baldosas de Penrose"), unha xeometría non periódica que cobre o espazo e que é a base teórica sobre a que se asenta o descubrimento dos cuasicristais, recoñecido este mesmo ano co Premio Nobel de Química (a Academia Sueca recoñeceu explícita e claramente o papel clave de Penrose na apertura deste campo).

O xurado considerou ademais a publicación en 2006 do seu libro O camiño á realidade: Unha guía completa ás leis do universo, que constitúe un dos mellores manuais de divulgación dos últimos tempos. Entre os premios recibidos por Penrose destacan as medallas Eddington en 1975, Dirac en 1989 e a Albert Einstein en 1990; o Premio Naylor en 1991 ou a importante Medalla Copley en 2008.

Compartir: