TURISMO

O vídeo promocional da Santiago Film Commission, premiado en Portugal

03/10/2011 A concelleira de Economía, Comercio, Turismo e Mercados, Reyes Leis, recolleu en Barcelos (Portugal) o premio ao mellor vídeo promocional na categoría de "Experiencias memorables", que o xurado do Festival Internacional de Cine e Turismo Art&Tur acordou outorgar á Santiago de Compostela Film Comission (SCFC) por Un camiño de estrelas, unha cidade de cine. O Art&Tur celebrouse entre o 27 e o 30 de setembro nesta localidade lusa, onde se reuniron os principais profesionais do sector.

O vídeo promocional da SCFC, producido por Ficción e dirixido por Daniel de la Torre, ten coma obxectivo demostrar que Santiago de Compostela é unha localización idónea para todo tipo de producións audiovisuais. Nos seus 3 minutos e 40 segundos de duración cóntanse tres historias moi diferentes entre si, pero que teñen a Santiago como denominador común.

As tres historias mesturan acción, romance e suspense; escenarios históricos, modernos e naturais; día e noite; sol e choiva… nun xogo de contrastes que pretenden amosar as posibilidades que a cidade ofrece como localización audiovisual. No vídeo amósanse 14 localizacións distintas da cidade, entre eles o Pazo de Raxoi, as cubertas da Catedral, a biblioteca da Facultade de Historia, a Alameda…

Un camiño de estrelas, unha cidade de cine, producido no 2007, ten xa un periplo tras de si. Foi entregado a produtores e directores en eventos específicos para a localización de espazo para produción audiovisuais como o Locations Trade Show de Santa Mónica, celebrado en California, e en festivais de cine como Cannes, Berlín e San Sebastián.

A Santiago de Compostela Film Commission é un servizo de Turismo de Santiago que ten coma obxectivo promocionar a cidade a través de producións audiovisuais, a través de dúas canles: a captación de producións na cidade e a xestión das múltiples solicitudes que se reciben anualmente, que por exemplo no 2010 foron 42 –30 de España, 6 do Reino Unido, 2 de Francia, e 1 de EEUU, Bélxica, Alemaña e Xapón.

Direccións relacionadas



Compartir: