CIDADE HISTÓRICA

Santiago de Compostela recibe en Lleida o Premio Cidades Patrimonio da Humanidade

12/07/2011 A concelleira de Rehabilitación e Cidade Histórica, María Pardo, recolleu en Lleida o Premio Cidades Patrimonio da Humanidade 2010, outorgado á Oficina de Cidade Histórica e Rehabilitación (OCiHR) polo Ministerio de Cultura, no marco da cerimonia de entrega dos Premios Nacionais de Cultura, presidida polos príncipes de Asturias.

As titulares de Cidade Histórica, María Pardo, e de Turismo, Reyes Leis, desprazáronse ata Lleida para recibir un Premio Cidades Patrimonio no que se valorou "unha continuada intervención integral modélica, unha filosofía e un modo de proceder na actuación arquitectónica e urbanística nos ámbitos históricos, mantendo, por unha banda o seu carácter monumental e, por outro, favorecendo a súa habitabilidade". O galardón exemplificouse en 13 intervencións de reurbanización e mellora urbana: rúa Raxoi; rúa Trindade; entorno de San Frutuoso; rúa San Clemente; rúa Poza de Bar e Cruceiro do Gaio; Campo e Costa do Cruceiro do Gaio; Campo das Hortas; Calzada de San Pedro; rúa Belvís; miradoiro de Belvís; Calzada de Santo Antonio; rúa Espírito Santo; e rúa Olvido e entorno.

O Premio Cidades Patrimonio da Humanidade recompensa o labor de persoas físicas ou xurídicas no ámbito da conservación, restauración, promoción e difusión do patrimonio histórico e cultural realizada nas cidades españolas cuxos conxuntos históricos ou monumentos singulares fosen declarados Patrimonio da Humanidade pola UNESCO en calquera das súas categorías. Tamén valora a revitalización social dos conxuntos históricos e a vida nas cidades patrimoniais.

O xurado está composto polo director xeral de Belas Artes e Bens Culturais e seis personalidades ou profesionais de recoñecido prestixio no ámbito da restauración arquitectónica, o urbanismo, a Historia da Arte e o Patrimonio Histórico. Unha delas é proposta polo Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade.

A OCiHR loce xa dende o mes de marzo unha placa conmemorativa deste Premio.

Compartir: