ALCALDÍA

O alcalde determina o reparto de competencias entre os concelleiros

05/07/2011 O alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, asinou o decreto polo que nomea delegados da Alcaldía aos doce concelleiros do Goberno local. Establece así o reparto de competencias entre todos eles e as atribucións que lle corresponden nas súas respectivas áreas.

Segundo se fixa no Decreto, Paula Prado asume a delegación de Familia, Benestar Social, Muller e Emprego. A Reyes Leis correspóndelle dirixir a área de Economía, Comercio, Turismo e Mercados, mentres que Ángel Currás asume a dirección de Cultura, Educación e Normalización Lingüística. O edil exercerá igualmente como primeiro tenente de Alcalde.

A Concellería de Facenda, Orzamentos e Contratación será dirixida por Cecilia Sierra. Outra muller, María Pardo, terá ao seu cargo os departamentos de Urbanismo, Vivenda, Rehabilitación e Cidade Histórica. A designada como segunda tenente de Alcalde, Amelia González, terá tamén a responsabilidade de Réxime Interior, Persoal, Informática, Consumo e Atención ao Cidadán.

Albino Vázquez será o concelleiro delegado de Mobilidade,
Seguridade Cidadá, Tráfico, Servizo de Grúa e ORA. Novidade desta lexislatura é a creación da Concellería de Medio Rural, que dirixirá Luis García Bello, quen tamén se ocupará do Servizo de Alumeado Público e do Servizo de Abastecemento e Saneamento.

Tamén novidosa é a situación nun departamento específico, desligado de Infraestruturas, da Brigada de Vías e Obras, que terá como edil responsable a Juan de la Fuente, quen tamén será delegado de Barrios e do Servizo de Recollida de Lixo e Limpeza Viaria. O mencionado departamento de Obras e Infraestruturas queda para María Castelao, edil que se ocupará igualmente Medio Ambiente, Sanidade e Parques e Xardíns.

Francisco Javier Noya asume a delegación de Relacións Institucionais, Participación Cidadá e Centros Socioculturais. Finalmente, Adrián Varela será o concelleiro de Xuventude e Deportes.

Esta delegación de competencias entra en vigor este mesmo día, martes 5 de xullo. Darase conta da mesma no vindeiro Pleno municipal e será publicada no Boletín Oficial da Provincia (BOP).

Compartir: