ALCALDÍA

O alcalde confía en que o aeroporto de Lavacolla supere significativamente neste 2011 as cifras do Ano Santo

14/02/2011 O primeiro mes do ano deixou datos "moi positivos" de crecemento para o aeroporto de Lavacolla, indicou o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, especialmente "tendo en conta a perda dos voos internacionais" neste primeiro trimestre de 2011. Para o conxunto do ano, afirma que "probablemente se superen significativamente as cifras do Ano Santo".

Sánchez Bugallo xustificou as boas cifras de xaneiro pola oferta de voos nacionais, que "están tirando do aeroporto". Coa recuperación das conexións internacionais a partir de abril e cos acordos que se prevén pechar neste mes de febreiro neste eido, confía nun segundo semestre de 2011 "especialmente bo", con "todo o que isto significa para Santiago e Galicia".

En estreita relación con este tema, o alcalde non se mostrou sorprendido polos baixos datos de ocupación hostaleira. O feito de non ser xa Ano Santo viuse "agravado significativamente pola perda dos voos internacionais", indicou como motivos destas cifras. Tampouco prevé datos bo para febreiro ou marzo, pero si unha "mellora substancial destas cifras" coa recuperación das conexións internacionais e coa Semana Santa.

Oferta de solo industrial
Outro dos temas ao que se referiu Sánchez Bugallo foi o do solo industrial, unha semana despois de visitar o polígono da Sionlla, xestionado polo IGVS, "que achegará case 1,5 millóns de metros cadrados de solo industrial a finais deste ano ou principios do que vén". Así, destacou o bo ritmo que levan tamén os de Formarís e Costa Vella 3, cuxo prazo para a presentación de ofertas se pechou o 11 de febreiro. Ao primeiro presentáronse 28 propostas, polas 24 do segundo e as 21 para a construción da glorieta elevada que conectará estas superficies industriais coa estrada N-550.

No prazo dun mes abriranse os sobres coas ofertas, presentadas preferentemente por unións temporais de empresas (UTE). A previsión é, alongando os prazos, que en xuño poidan comezar as obras, afirmou o rexedor municipal.

Entrada en funcionamento a Escola Infantil de Tras Parlamento
Tamén anunciou o alcalde a entrada en funcionamento, o mércores 16 de febreiro, da Escola Infantil de Tras Parlamento. Esta é a terceira das escolas incluída no convenio asinado no seu día polo Concello co agora denominado Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, unha vez xa operativas as do Tambre e San Roque. Será a sétima escola infantil pública da cidade, xunto coas mencionadas e coas de Fontiñas e Conxo (de titularidade municipal) e as de Vite e a Alameda (de titularidade autonómica).

A oitava escola infantil será a de Salgueiriños. Achegará 120 novas prazas, coas que Santiago superará a recomendación europea de dispor de cando menos un 30% de prazas públicas para o total de nenos escolarizables de 0 a 3 anos. Segundo indicou Sánchez Bugallo, Santiago terá entón algo máis de 700 prazas públicas para un total de 2.100 nenos.

As prazas desta nova Escola Infantil de Salgueiriños xa serán incluídas na oferta de para o próximo curso. O que si aínda non decidiu o Goberno local é se este centro será de xestión municipal ou do Consorcio autonómico.

Agardando a licitación do centro de saúde do Casco Histórico
Finalmente, o alcalde referiuse a unhas declaracións da conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, nas que esta dicía que o seu Departamento levaba anos agardando a cesión do solo para o centro de saúde de Conxo. "Anos son os que levamos nós esperando que liciten o centro do Casco Histórico", dixo.

Recordou que a prioridade municipal sempre foi o centro do Casco Histórico, "porque aí é onde non o hai, e o de Conxo é un traslado". E sobre o primeiro destes centros, recordou que "xa en xullo de 2009 a Consellería recibiu e aceptou o terreo, e dende entón estamos esperando a que o saque a licitación".

Sobre o centro de Conxo, apuntou que "non foi ata o ano pasado que a Consellería nos dixo que parcela quería". "O Concello ofreceulle varias e a nosa preferencia era unha no polígono de Santa Marta, de licenza directa e situada máis céntrica respecto do ámbito de actuación", dixo. A escollida en Conxo, en cambio, esixía un estudo detalle e unha modificación do PXOM para a ampliación de uso.

"Nada de anos de espera, e o que fixo foi tramitarse coa máxima celeridade; se tiveran moita presa terían aceptado a parcela máis céntrica", insistiu. Ademais, dixo que non foi ata o 21 de outubro de 2010 cando a solicitude de cesión entrou no Concello. En calquera caso, esta formalizarase definitivamente o martes 15.

Compartir: