ALCALDÍA

O alcalde afirma que "se tomarán as decisións que conveñan á cidade" en relación ás conexións aéreas internacionais

04/02/2011 "Eu aseguraría que o voo a Bruxelas se vai a pechar este mes", anticipou o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, a propósito do período dun mes que abriu para avaliar ofertas de conexións internacionais para o aeroporto de Lavacolla. En calquera caso, afirmou estar disposto a "estudar mellores ofertas, se as hai".

Sánchez Bugallo indicou que, neste tema, "a cidade tomará as decisións que lle conveñan á cidade" e considerou que "un voo con Bruxelas é importante". Disposto a estudar calquera oferta sobre esta conexión, apuntou que "a ofertas iguais, escolleremos a que nos garanta máis estabilidade". No que insistiu tamén foi na necesidade de tomar estas decisións canto antes, porque "cada decisión que se pospón empeora a posición negociadora".

En relación ao debate sobre o custo do voo a Bruxelas, subliñou que "se hai quen lle parece caro 350.000 euros, dende longo e menos que o que custou o voo a Zurich e 2010 e infinitamente máis barato que os voos de Vigo e Coruña que empezarán a funcionar a partir do 27 de marzo; e tampouco ten nada que ver cos 2,5 millóns de euros que paga outro aeroporto próximo polos voos a Barcelona". Continuando con este tema, engadiu que "cando alguén di que os voos custan un prezo, estaría ben que confirmara estes datos, porque ao mellor están equivocados; e non é o mesmo que pagues cinco voos que tres, ni que pagues tres que un".

A propósito doutras posibles conexións internacionais para Lavacolla, comentou a posibilidade de que haxa "outras ofertas diferentes e complementarias", que se estudarán. O alcalde ve ben "diversificar compañías", pero cre que tamén "hai que apostar pola estabilidade". Neste sentido, citou a compañías como Ryanair, Vueling, Air Berlín ou Iberia, "que levan moito tempo con nós e son socios a medio e longo prazo". En particular, tivo palabras de recoñecemento para o compromiso con Santiago do director de Air Berlín, Álvaro Middelmann. Tamén agradeceu o apoio das Asociación de Hostelería, en especial, e do resto de axentes sociais da cidade "que apoian este traballo, independentemente de que estean ou non en posición de achegar recursos económicos".

Sexan cales sexan as decisións que se tomen finalmente, Sánchez Bugallo afirmou que "van colocar a Santiago nunha posición moi superior estratexicamente a outros aeroportos próximos e a un custo enormemente inferior". Ademais, situou este debate no reto que supón "encher a infraestrutura" da nova terminal de Lavacolla e do escenario "máis complexo" que se presenta en 2011 unha vez pasado o Ano Santo.

O alcalde referiuse a unhas palabras do director xeral de Aviación Civil, Manuel Ameijeiras, para indicar que estas instalacións sitúan a Lavacolla como "o máis pequeno dos grandes aeroportos e o máis grande dos aeroportos rexionais". Sobre a marcha das obras, agarda que poidan visitarse xa rematadas no mes de marzo. Quedaría entón un período de probas duns dous meses para a súa total operatividade.

Conexión da AP-9 coa autovía Santiago-Lugo
Na súa rolda de prensa semanal, o alcalde anunciou tamén a apertura do trámite de información pública do documento de consulta ambiental que avala o novo enlace, en forma de glorieta elevada, á altura do punto quilométrico 64.5, incluído no proxecto de ampliación da autopista AP-9.

Esta rotonda permitirá conectar a autopista coa autovía A-54 (Santiago-Lugo), no enlace actual de San Marcos, e tamén cos novos polígonos industriais do norte, a través da N-550. Esta nova glorieta obrigará a construír un terceiro carril de transición ata a mesma dende o punto quilométrico 62.9. Rematado o período de información pública deste documento ambiental, a obra incluirase no proxecto de ampliación da AP-9 e iniciaranse as expropiacións correspondentes.

Tamén en relación á ampliación do tramo urbano da AP-9, o alcalde volveu a expresar o seu desexo de que as negociacións entre a Xunta e o Ministerio de Fomento cheguen a bo porto para a construción do enlace da autopista coa Cidade da Cultura.

Cifras negativas de desemprego
Finalmente, Sánchez Bugallo, analizou os datos do desemprego feitos públicos recentemente, recordando que "en Galicia é onde máis medra o paro de España en termos relativos, o cal tampouco é unha sorpresa". Sobre o incremento en 476 persoas do desemprego en Santiago no mes de xaneiro, recoñeceu que é "unha cifra moi importante", malia ser a taxa de paro do municipio, o 12%, inferior á media española e galega.

Compartir: