FESTAS

A Praza Roxa contará neste Nadal cunha pista de patinaxe sobre xeo e cun abeto de dez metros con máis de 5.000 puntos de luz

15/12/2010 O concelleiro de Xuventude e Festas, Xosé Baqueiro, presentou en rolda de prensa o programa de actividades para o Nadal na Praza Roxa e no resto do Ensanche, que organiza conxuntamente coa Fundación Santiago Centro Área Comercial. Na presentación estivo acompañado polo presidente da asociación, José Mª Fernández.

Esta colaboración xurdiu grazas a unha serie de reunións que o concelleiro de Festas mantivo con diversas asociacións da cidade, como Acotés, Compostela Monumental ou Santiago Centro. Segundo indicou Baqueiro, esta última foi a única entidade que presentou unha proposta. Así, este traballo conxunto deu como resultado a programación de catro actividades para estas datas: a decoración e iluminación navideña, unha pista de patinaxe sobre xeo ecolóxico, actividades de cultura urbana e a visita do carteiro real.

En primeiro lugar, a iluminación do Ensanche e a árbore de Nadal que presidirá a Praza Roxa inauguraranse o sábado 18 pola tarde e estarán encendidas ata o 6 de xaneiro. "En total trece rúas e tres prazas do Ensanche contarán con iluminación e a Praza Roxa terá un abeto de dez metros de altura con máis de 5.000 puntos de luz", indicou Baqueiro.

Patinaxe sobre xeo no centro da cidade
Tamén a Praza Roxa estará ocupada dende o sábado ata o 9 de xaneiro por unha pista de patinaxe sobre xeo para o goce de todos os pequenos. As súas dimensións (20x8 metros) darán cabida a todos os rapaces que desexen pasar unha tarde divertida das súas vacacións. A atracción deportiva estará aberta entre as 12:00 e as 14:00 horas e entre as 17:00 e as 21:00 horas, previo pago dunha entrada simbólica de só tres euros por 45 minutos en pista. O director de Santiago Centro aclarou que os seus asociados recibirán vales gratuítos para esta actividade. O coste total da instalación é de 30.000 euros, financiados ao 50% por ambas partes e co apoio de diversos patrocinadores.

Ademais, os días 2 e 3 de xaneiro, os rapaces poderán participar en actividades de cultura urbana, como os xogos de rol e estratexia ou a práctica do hip hop. Finalmente, un ano máis, o Carteiro Real chegará á Praza Roxa o 4 de xaneiro para atender as peticións dos nenos e levar as cartas as súas maxestades os Reis Magos de Oriente.

Pola súa parte, José Mª Fernández agradeceu á concellaría de Festas a boa vontade para poñer en marcha actividades no Ensanche, aspecto que levaban anos demandando. "Coa iluminación e demais actividades poderemos axudar ao comercio desta zona da cidade", apuntou.

Axuste presupostario
Baqueiro fixo referencia ao necesario axuste de presuposto na iluminación derivado da crise económica, que se traduce ademais nun aforro enerxético e na reducción da contaminación lumínica da cidade. Contouse cun presuposto inicial de 120.000 euros para a iluminación de toda a cidade, cunha mellora de 20.000 euros coa colocación de máis arcos lumínicos por parte da empresa proveedora. En total, Santiago contará con 36 rúas iluminadas, seis prazas, dous teitos de luz con 4.200 puntos no Toural e Cervantes, a decoración do Pazo de Raxoi (en colaboración coa Consellería de Presidencia da Xunta de Galicia), a árbore e o belén do Obradoiro e a iluminación do Paseo Central e dos Leóns na Alameda.

Compartir: