CULTURA

Sons da Diversidade trae sete novas ofertas musicais, dende Laponia ata o Congo

18/11/2010 A concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, presentou a programación completa do ciclo Sons da Diversidade, que nos achegará -coma todos os anos- músicos de calidade procedentes de diferentes culturas do mundo.

Nesta temporada, Sons da Diversidade permitirá gozar das propostas de Lokua Kanza, dende o Congo; Carmen Linares, a "gran dama do flamenco; Mari Boine, a voz máis representativa de Laponia; Ana Moura, dende Lisboa; Hindi Zahra, bereber afincada en Francia; Eleftheria Arvanitaki, dende Grecia; e Ana Belén acompañada pola pianista Rosa Torres-Pardo.

García Conde salientou os sete anos de vida deste ciclo "xa consolidado", que naceu co obxectivo de "abrir unha ventá ás culturas e músicas do mundo de calidade". Trátase, ao seu ver, dunha aposta plural e singular a un tempo. Plural porque "temos ocasión de coñecer mes a mes o que se fai en diferentes culturas do mundo" e singular porque cada proposta é "especial, vangardista e anovadora".

E na oferta de Sons sempre hai lugar para a música galega, nesta ocasión un concerto de Berrogüetto o pasado 13 de novembro, que acadou un cheo técnico, tal e como afirmou o director-xerente do Auditorio de Galicia, Paulo Rodríguez, que diseccionou o menú para esta temporada: "unha pizca de emerxencia", con Ana Moura; "voces consagradas e indiscutibles como Carmen Linares".

As entradas para os concertos estarán á venda a partir do venres 19 na web www.caixagalicia.es e no teléfono 902 434 443, ao prezo de 15 euros, agás nos casos de Carmen Linares, Eleftheria Arvanitaki e Ana Belén, que será de 20 euros. Aplícase o desconto tradicional do 50% para persoas xubiladas e menores de 25 anos.

Hai xa sete anos que Sons da Diversidade naceu coma un ciclo de difusión das chamadas músicas de raíz. A Concellaría de Cultura de Santiago de Compostela puxo en marcha o proxecto no ano 2004, e o ciclo resultou ser a mellor proposta para a dinamización dun espazo como é o Auditorio de Galicia, hoxe emblemático.

Nestes anos, Sons da Diversidade achegou a Compostela a música de máis de 40 artistas de todo o mundo. Ryuichi Sakamoto, Femi Kuti, Rodrigo Leão, Michael Nyman, Lila Downs, Lhasa, Habana Blues Band, Khaled, Adriana Calcanhoto, Goran Bregovic, Jane Birkin, Laurie Anderson ou Salif Keita foron só algúns deles.

As propostas deste ano son as seguintes:

Lokua Kanza (4 de decembro). Música intimista dende o corazón de África. Cunhas notas de kalimba arranca Nkolo, o último disco do congolés Lokua Kanza. Esa delicada percusión dá paso a unha voz máxica, que por momentos parece fráxil para despois erguerse chea de forza. Youssou N'Dour non o dubidou cando lle preguntaron polo seu cantante favorito: Lokua Kanza ten a voz e tamén a sabedoría para construír cancións cheas de matices. Melodía, sutileza, encanto e un chisco de melancolía son as claves dunha proposta intimista que agroma do corazón de África para empaparse de influencias europeas e brasileiras.

Carmen Linares (16 de xaneiro). Nas dúas últimas décadas o cante flamenco de muller leva o nome de Carmen Linares. A mellor cantaora da actualidade gañou o seu título sobre os escenarios, dos tablaos aos grandes auditorios internacionais. A suma de facultades extraordinarias e gran capacidade de traballo vólvense plasmar no espectáculo La poesía en el cante, no que rende homenaxe á poesía coa interpretación de cantes populares e dos versos de García Lorca, Juan Ramón Jiménez, Miguel Hernández e Antonio Machado que na súa voz soan como nunca se oíran antes.

Mari Boine (12 de febreiro). Mari Boine chega dende Laponia, onde loita por conservar a cultura, a lingua e a música do pobo sami. O canto tradicional deste pobo, o yoik, é a base da que parte a cantante para construír un repertorio no que o folclore do seu país se mestura con arranxos chegados do jazz e o rock. Eses son os vimbios dunha carreira que se espalla ao longo de nove álbums e 25 anos, dedicada a proxectar internacionalmente unha das expresións musicais máis singulares do mundo. Unha voz telúrica que nos leva ás paisaxes xeadas de Escandinavia atravesadas por sonoridades urbanas.

Ana Moura (26 de marzo). Avanza a grandes pasos para converterse nunha lenda da música portuguesa. É aínda nova, pero con só catro discos conquistou éxitos dentro e fóra do país. É a nova estrela do fado, a cantante coa que os grandes queren actuar cando pasan por Lisboa: cantou con Mick Jagger no concerto dos Rolling Stones no Estadio de Alvalade e con Prince na súa actuación no Super Bock Super Rock. Coa súa voz, a súa presenza e un repertorio brillante construído co autor e produtor Jorge Fernando, Ana Moura está a conquistar o público de Europa e Estados Unidos.

Hindi Zahra (16 de abril). Cunha voz e presenza no escenario que levaron a comparala con Billie Holiday ou Patti Smith, Hindi Zahra é moito máis que a cantante de moda en Europa. Bereber nacida en Marrocos e residente en París, absorbe estilos diversos para destilar unha proposta que non é jazz, nin soul, nin étnica nin folk, senón música por riba de tendencias. Handmade é o seu álbum de debut, unha combinación da delicadeza da chanson, a melancolía da rive gauche e os sons contemporáneos. Hindi Zahra, a nova voz da música global.

Eleftheria Arvanitaki (7 de maio). Na música grega contemporánea sobresae un nome propio: Eleftheria Arvanitaki. Leva máis dunha década percorrendo os escenarios de toda Europa para emocionar a crítica e público coa súa enerxía en directo. Válese para iso dunha voz profunda e expresiva, sofisticadas instrumentacións e a combinación de música tradicional e actual. Agora presenta Mírame, un álbum no que parte de Grecia para facer un percorrido musical polas culturas do Mediterráneo no que teñen cabida aires flamencos e árabes.

Ana Belén e Rosa Torres-Pardo (17 de xuño). Unha gran pianista e unha das máis respectadas cantantes do panorama estatal únense sobre o escenario para establecer novos diálogos entre piano e voz, entre música e poesía, entre cantos e palabras. Ana Belén e Rosa Torres-Pardo alternan poesía española e música para piano a modo de pregunta e resposta, nun espectáculo con guión do poeta granadino Luis García Montero e a dirección escénica de José Carlos Plaza. Un espectáculo conmovedor e rigoroso, onde música e palabra altérnanse para rabuñar a costra que oculta a verdade e a beleza.

Compartir: