ALCALDÍA

O alcalde reclama unha decisión urxente da Xunta de Galicia no reparto de fondos para as liñas de baixo custo

16/11/2010 A reunión do Comité de Rutas Aéreas finalizou sen ningún tipo de acordo, indicou o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, tras saír da mesma. Segundo apuntou, os concellos da Coruña e de Vigo non aceptaron o punto de partida ao que chegara a comisión técnica respecto ao mantemento para 2011 de, cando menos, das mesmas conexións que en 2010.

O alcalde, que afirmou non sorprenderse da falta de acordo na reunión, recordou que algún concello puxo en cuestión o voo de Santiago a París, por entrar en competencia con outros ao mesmo destino, pero non aplicando o mesmo criterio a propósito das conexións con Londres que entran en competencia co de Santiago. A postura do Concello de Santiago respecto ao referido punto de partida do mantemento de conexións foi "inamovible", indicou.

Á vista desta falta de acordo e agardando que "o tempo demorado non sexa un tempo perdido", Sánchez Bugallo reclamou á Xunta de Galicia que tome "unha decisión urxente na asignación de fondos", co obxecto de pechar "con carácter inmediato" as negociacións coas compañías aéreas. Neste sentido, destacou que no caso de Santiago o peche destas negociacións é especialmente urxente, por ser o que manexa conexións internacionais durante todo ano, non só durante a temporada de verán.

Reiterou a necesidade desa asignación de fondos para "saber cal é o escenario de negociación que temos coas compañías". A propósito destas, recalcou que as relacións con Ryanair, Vueling ou Air Berlín son "fluídas" e agarda que así se sigan mantendo. Coñecido ese escenario, o alcalde non descartou que "nós teñamos que poñer fondos tamén para asegurar que Santiago teña a oferta que merece".

Preguntado pola utilidade do Comité de Rutas Aéreas afirmo que "xa se sabía que era difícil que servira para poñernos de acordo", aínda que resaltou a utilidade do Comité Técnico para conseguir datos minuciosos respecto do tráfico aéreo. "Non vale a pena volvernos reunir", engadiu o alcalde a propósito da posibilidade aínda de algún acordo e das posicións claramente marcadas neste asunto.

Compartir: