BENESTAR SOCIAL

A exposición "Elas fan Camiño" rende homenaxe ás mulleres peregrinas e promotoras da ruta xacobea

15/11/2010 A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Mar Martín, presentou a exposición Elas fan Camiño, que rende homenaxe ás mulleres peregrinas e a todas aquelas que participaron na conservación e na promoción do Camiño de Santiago ao longo da historia. A mostra, cedida pola Secretaría Xeral da Igualdade, inaugúrase o mércores 17 de novembro, ás 18:00 horas, na Casa das Asociacións de Benestar Social (rúa Manuel María, 6).

Esta exposición pretende dar protagonismo ás mulleres no Camiño, lembrando o papel que, dende o principio da peregrinación en Galicia a través dos camiños a Santiago, xogaron moitas mulleres, tanto coñecidas e famosas (raíñas, santas,...) como mulleres anónimas que chegaron ata Santiago percorrendo con dificultades os camiños para pregar ante o Apóstolo. As mulleres peregrinaron dende moi cedo aos lugares mais afastados e relevantes do cristianismo, e tamén foron protagonistas na creación e mantemento dos camiños e rutas de peregrinación, verdadeiras canles de circulación da cultura e dos progresos técnicos e socioculturais europeos durante séculos.

A mostra fai un percorrido atendendo tanto ás mulleres que fixeron o Camiño ata as que o fan hoxe en día. Son moitos os exemplos de mulleres peregrinas que a exposición presenta, dende Exeria, a primeira peregrina galega, que fixo unha extraordinaria viaxe a Xerusalén e Terra Santa no século IV, deixándonos unha preciosa testemuña das súas vivencias; ata as peregrinas de hoxe, que viven o Camiño como unha experiencia inesquecible de atoparse consigo mesmas.

Tamén se acorda a exposición da condesa dona Egilo, dona do conde Gatón, que fundou o hospital no lugar que hoxe leva o seu nome, Hospital da Condesa; e das mulleres que dende as responsabilidades de goberno nos seus concellos promoven e favorecen o paso dos peregrinos polo seu municipio, exemplo das cales é a alcaldesa de Betanzos, María Faraldo.

Da tradición á actualidade
A exposición dividise en tres eixes. A primeira parte, denominada Elas fixeron Camiño, retrotráenos á longa tradición das rutas de peregrinación e á presenza da mulleres nelas dende diferentes perspectivas. Aquí poderase coñecer a Egeria, a primeira peregrina galega coñecida, a algunhas das hospitaleiras, ás protectoras do camiño...

A segunda sección denomínase Elas marcaron o Camiño e mostra a importancia da espiritualidade na tradición xacobea, vínculo entre o pasado e o presente, a través da devoción feminina e a estendida presenza do culto mariano no Camiño. Nesta parte da mostra reflíctese a importancia do culto mariano nas rutas Xacobeas en Galicia e as diversas virxes peregrinas galegas, como a de Pontevedra ou a de Bertamiráns.

A última parte da exposición, Elas fan Camiño, céntrase no Camiño de Santiago actual, onde o protagonismo das mulleres é indiscutible. Son protagonistas mulleres con nome e apelido escollidas segundo a súa implicación e funcións ao longo das rutas galegas a Santiago, que forman parte esencial dos camiños a Compostela, non só como peregrinas, senón tamén co seu silencioso facer cotián. Apoian as peregrinas e peregrinos dende diferentes ámbitos: servizos sociais e humanitarios, administración, atención das infraestruturas, manutención e organización, dan ánimos e infunden ilusións nas camiñantes decaídas ou desfalecidas polas duras e longas xornadas da ruta.

Ademais, un vídeo sobre as vivencias no Camiño das mulleres ilustra a realidade das peregrinacións femininas a Compostela.

A exposición, que consta de quince paneis, chega a Santiago tras pasar polo Cebreiro, Triacastela, Samos, Sarria, Portomarín, Palas de Rei, Melide, Arzúa e O Pino. Posteriormente viaxará a Fisterra e Muxía.

Compartir: