URBANISMO

Aberto desde mañá o prazo de solicitude de axudas para a rehabilitación de vivendas nos barrios de Pontepedriña, Vite e Vista Alegre e na cidade histórica

02/10/2024 O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publica hoxe, 2 de outubro, dúas convocatorias de axudas para a rehabilitación de edificios, lanzadas polo Concello de Santiago no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia e con financiamento dos fondos europeos NextGenerationEU. Ambas liñas de subvencións suman unha contía total de 4.269.600 euros: 2.186.400 euros para a rehabilitación da vivenda construída no século XX nos barrios de Pontepedriña, Vite e Vista Alegre e 2.083.200 euros para actuacións nos edificios da cidade histórica. As persoas e entidades solicitantes das axudas contarán cun prazo de 3 meses a partir de maña, 3 de outubro.

En total, o Concello concederá axudas á rehabilitación de edificios de uso predominante residencial por un importe total de 4.269.600 euros. Deles, 2.186.400 euros estarán destinados ás promocións públicas de vivenda do século XX que corresponden ás áreas de rehabilitación integral (ARI) dos barrios Vista Alegre, Pontepedriña e Vite; e unha contía de 2.083.200 euros para os edificios situados na cidade histórica que coinciden coa Area de Rehabilitación Integral (ARI) e co ámbito do Plan Especial de Protección e Rehabilitación da cidade histórica. Con estas axudas para mellorar a habitabilidade dos fogares de Santiago, o Concello pretende impulsar o aproveitamento do parque inmobiliario que existe, así como de favorecer un modelo de cidade de proximidade e compacta.

Poderán ser beneficiarias as persoas propietarias ou usufrutuarias de vivendas unifamiliares ou agrupadas, comunidades de propietarios, sociedades cooperativas, empresas arrendatarias ou concesionarias dos edificios e agrupacións de propietarios.

Entre os requisitos básicos para solicitar as axudas, ademais de que a vivenda se atope no ámbito declarado, no caso dos edificios plurifamiliares, deben contar co 50% de superficie construída sobre rasante con uso residencial agás o baixo, ter o acordo da comunidade e dispoñer das correspondentes autorizacións administrativas.

Ademais as actuacións realizadas debe acadar unha redución do consumo de enerxía primaria non renovable de, polo menos, o 30% e unha redución da demanda enerxética anual global de climatización do 25% en zona climática C e do 35% en zona climática D.

O comezo da execución material fíxase a partir do 1 de febreiro de 2020, sempre que se presente constancia da execución, así como o título habilitante municipal e proxecto ou memoria técnica, tamén no caso de aquelas que aínda non se levaron a cabo.

A contía e porcentaxe máxima da axuda por vivenda e por superficie dependerá da cantidade de aforro enerxético que se consiga coa actuación, e poderá cubrir o 40%, o 65% ou o 80% dos custos. Estas contías máximas aumentan en casos de vulnerabilidade económicas. Ademais estas axudas son compatibles con outras co mesmo obxecto, sempre e cando non se supere a contía total da actuación.

As axudas serán asignadas ata esgotar o orzamento dispoñible e o prazo de solicitude será de 3 meses a partir de mañá, 3 de outubro. A finalización e xustificación das actuacións terá que facerse antes do 30 de xuño de 2026.

Compartir: