ACCIÓN CULTURAL

Cristina Morales e Miguelanxo Prado abren a programación da SELIC

08/06/2023 A música de Christina Rosenvinge e João Afonso combínase coa literatura na sétima edición do festival que se desenvolverá entre o 9 e o 18 de xuño en Santiago. Serán moitos os nomes que pasarán pola carpa da SELIC na Quintana, non só do panorama galego senón tamén estatal.

Na xornada inaugural do festival teremos a oportunidade de coñecer de preto o traballo da granadina Cristina Morales, quen recibiu en 2019 o Premio Nacional de Narrativa pola novela Lectura Fácil (Anagrama).

As peripecias de catro mulleres cualificadas como "discapacitadas intelectuais", que conviven nun piso tutelado en Barcelona, constrúen unha crítica contra as diversas formas de represión e alineación, que non renuncia ao humor a pesar da seriedade coa que se narra o tema. A andaluza poñerá en contexto esta obra xunto á súa primeira novela, Los Combatientes (2013), este venres ás 20h, en conversa co ferrolán Iago Fernández Ferrán, que presenta o libro de relatos Como el ciervo huiste (Editorial Delirio).

Ás escritoras e escritores uniranse outras figuras, como xa é habitual no Festival da Lectura, que teñen vencellos con diversas disciplinas, moi especialmente coa música. Así, nesta sétima edición o público poderá escoitar a cantautora de ascendencia danesa Christina Rosenvinge, o xoves 15. O seu pop-rock indie chega á SELIC da man de Debut (Random House), un libro que recolle, alén das súas letras, un conxunto de textos e reflexións que testemuñan unha carreira musical que cruzou décadas, fronteiras e estilos. O volume fecha ademais co ensaio "La palabra exacta", no que Rosenvinge indaga na arte de tecer verbas e melodías en verso cantado.

Outra das propostas musicais deste ano procura achegarnos ás letras portuguesas da man de João Afonso e o seu Livros (Lusitanian Music), unha escolma na que musica clásicos da literatura lusa. Este CD e libro ilustrado recolle 14 cancións inéditas nas que o cantor mozambicano percorre a súa biblioteca persoal, na que se encontran, por exemplo, Alice Vieira, Mário de Carvalho, Hélia Correia ou Jorge Silva Melo.

Centenario Antonio Pereira

O ano 2023 coincide ademais co centenario do poeta e escritor berciano Antonio Pereira, recoñecido especialmente polos seus relatos breves e a súa faceta como narrador oral de "filandón". A fundación que salvagarda o seu legado colabora coa SELIC conmemorando o aniversario con dúas actividades que decorrerán o mércores 14 de xuño. Primeiro asistiremos a un acto de lembranza arredor da súa produción en verso e en prosa, no que que participarán o poeta Juan Carlos Mestre e músico Cuco Pérez, para logo deleitarnos cunha lectura dramatizada da súa obra (Editorial Siruela).

Cómic galego

A banda deseñada terá tamén o seu oco na SELIC. A presenza deste xénero estará marcada desde o primeiro día coa visita de Miguelanxo Prado, que repasará Trazo de Xiz tres décadas despois. Este libro, obra referencial do cómic da década dos noventa, multipremiado a nivel nacional e internacional, será o pretexto para falar de moitas outras cuestións que atinxen a evolución do xénero e á traxectoria do artista nestes últimos 30 anos.

O luns 12 contaremos tamén coa presenza de David Rubín, que poderá asistir á dramatización de O lume que levará a cabo o actor Xosé Barato. Este encarnará a Alexander Yorba, arquitecto encargado na ficción de idear unha colonia lunar para asegurar a supervivencia da humanidade ante a inminente colisión dun asteroide coa Terra. Ademais desta performance que conecta a novela gráfica co teatral, haberá espazo para a conversa co propio debuxante e co seu editor, Manel Cráneo (Demo Editorial).

Pasará tamén pola SELIC o historietista Fon Barreiro, que ofrecerá un curso de debuxo para público familiar o sábado 17, no Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (Delegación Santiago), institución que colabora nesta actividade. Igualmente, o autor de Gazafellos 1 e Gazafellos 2 (Aira Editorial), Cósmico (Edicións Xerais) e Troglo&dita (Editorial Galaxia) asinará exemplares o luns 12.

Horario

A SELIC retorna este ano á Quintana. A carpa estará aberta durante a duración do festival de 16:30 a 21:30 h. Os fins de semana haberá tamén sesión matinal, de 11:30 a 14 h. A programación completa pode consultarse na web do festival.

Compartir: