CIDADES PATRIMONIO

San Cristóbal de la Laguna acolle a celebración da Asemblea do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade este sábado 3 de xuño

02/06/2023 O alcalde de Santiago en funcións, Xosé Sanchez Bugallo, asiste mañá en San Cristóbal de La Laguna á Asemblea Xeral do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España, na que se aprobará, entre outros asuntos, o programa de actividades con motivo do 30 aniversario do grupo. O rexedor compostelán participará esta tarde na Comisión Executiva do grupo.

O alcalde de La Laguna e presidente do Grupo, Luís Yeray Gutiérrez, sinala que "esta será unha asemblea moi especial, porque entre outros puntos, aprobaremos o programa de actos e eventos organizado con motivo do 30 aniversario do nacemento do Grupo, en 1993, e cuxas celebracións terán lugar desde o 17 de setembro de 2023 ata o 17 de setembro de 2024. Ademais, a asemblea servirá para dar continuidade ás políticas en defensa do patrimonio e á promoción turística das nosas cidades tras o recente proceso electoral".

Á reunión, que se celebrará a partir das 10.00 horas no Salón de Plenos do Concello, asistirán os alcaldes e alcaldesas das cidades membros desta entidade sen ánimo de lucro e declarada de Utilidade Pública que reúne ás cidades españolas cuxos centros históricos foron inscritos na Lista do Patrimonio Mundial da UNESCO. Este é o segundo ano consecutivo que La Laguna se converte en sede deste encontro, tras o celebrado en marzo de 2022, que ademais de ter un carácter rotatorio, se celebra tamén na cidade que ostenta a presidencia do Grupo, circunstancia que se dá neste caso.

A Asemblea estará precedida na tarde de hoxe venres pola reunión da Comisión Executiva, o órgano de goberno do Grupo, tamén presidida por Luís Yeray Gutiérrez, e da que forman parte a alcaldesa de Segovia e os alcaldes de Santiago de Compostela, Tarragona e Salamanca, e na que se abordarán os principais asuntos a debater na xornada do sábado polos representantes das quince cidades.

Na mañá do sábado terá lugar a foto de familia dos alcaldes e alcaldesas e, a partir das 10.00 horas, comezará no Salón de Plenos do Concello a Asemblea Xeral do Grupo, onde se abordarán os diferentes asuntos propostos polas Comisións Informativas de Patrimonio, Turismo e Cultura, entre eles, o citado programa de actos con motivo do 30 aniversario do Grupo.

O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España creouse en 1993 como unha asociación sen ánimo de lucro, coa finalidade de actuar de maneira conxunta na defensa do patrimonio histórico e cultural destas cidades, realizando proxectos e propostas comúns, establecendo políticas de intercambios de experiencias e afrontando problemáticas comúns.

La Laguna pasou a formar parte do grupo en 1999, unindo o seu nome aos de Alcalá de Henares, Ávila, Baeza, Cáceres, Córdoba, Cuenca, Ibiza/ Eivissa, Mérida, Salamanca, Santiago de Compostela, Segovia, Tarragona, Toledo e Úbeda. La Laguna continuará presidindo o grupo ata xullo de 2024, tras o acordo alcanzado na última asemblea celebrada en Córdoba. Deste xeito, recupérase o marco temporal habitual das presidencias, que se viu alterado en 2020 debido á pandemia.

Compartir: