SEGURIDADE

A V Gala pola Seguridade Viaria pecha as actividades de Educación Viaria cos escolares de Compostela

02/06/2023 Preto de 500 nenos e nenas dos centros escolares de Compostela participaron esta mañá no Auditorio de Galicia na V Gala pola Seguridade Viaria, a gran festa coa que remata o programa de formación dirixido ao alumnado compostelán de 4º de primaria que o departamento de Educación Viaria da Policía Local desenvolveu ao longo do curso. Nesta edición, o programa de actividades foi seguido por arredor de 900 nenos e nenas de 24 colexios de Santiago.

Na gala entregáronse os diplomas acreditativos ao estudantado que participou nas actividades formativas, así como cascos e bicicletas aos gañadores e gañadoras do concurso de debuxo organizado pola Policía Local.

Durante a gala, o alumnado puido desfrutar dunha serie de actuacións teatrais interpretadas polos propios membros da Policía Local, un espectáculo en clave cómica pero con intención pedagóxica, buscando fomentar entres os cativos e cativas a importancia da seguridade viaria.

Seguridade viaria

O departamento de Educación Viaria da Policía Local desenvolveu un ano máis o programa "MÓVETE SEGURO CON MOITO OLLIÑO", que contou coa participación de preto de 900 alumnas e alumnos de 4ºde primaria procedentes de 24 centros educativos de Santiago.

A actividade consiste nunha charla teórica no colexio que vén complementada cun paseo pola cidade no que os policías lle explican á cativada as posibles situacións ás que se poden enfrontar e cales son os comportamentos máis axeitados na vía pública. A continuación o alumnado visita as instalacións da Policía local para coñecer de preto o traballo policial. Así, na comisaría poden ver parte do material empregado polos axentes para o desenvolvemento do seu traballo como as lanternas, sistemas de comunicacións, chaleque antibalas, defensa, escudo, casco de seguridade, etc. Tamén puideron comprobar o funcionamento das sereas e as luces de emerxencia dun vehículo policial.

Compartir: