EDUCACIÓN

O Concello destinará 7.500 euros ao XVI certame de Danza Intercentros "Compostela en danza 2023"

21/03/2023 A Xunta de Goberno local aprobou onte a memoria programática e económica do XVI Certame de Danza Intercentros 2023, por un importe de 7.533,34 €. Esta cita da cativada e a mocidade coa danza, terá lugar o vindeiro 11 de xuño no Auditorio de Galicia e contará coa participación de arredor dun cento bailaríns e bailarinas.

O Departamento de Educación do Concello de Santiago é o promotor desde hai 28 anos do Certame de Teatro Intercentros de Secundaria que pretende impulsar e apoiar o traballo que se está a realizar no eido da danza nas idades máis temperás (de 3 a 18 anos).

O evento, que terá lugar o vindeiro 11 de xuño na sala Ángel Brage do Auditorio de Galicia, contará coa participación de preto de 100 alumnos de educación infantil, primaria e secundaria dos centros escolares seguintes: CEIP López Ferreiro, CEIP Pío XII, CEIP Raíña Fabiola, CEIP Ramón Cabanillas, CEIP Vite, IES Arcebispo Xelmírez I e IES Arcebispo Xelmirez II.

A iniciativa do XVI Certame Municipal de Danza Intercentros é unha experiencia de dinamización cultural e que ten ademais unha repercusión moi importante na cidade como se pode comprobar pola altísima participación de familias que cada ano enchen a sala do Auditorio de Galicia.

Entre os obxectivos desta iniciativa están o de desenvolver a autonomía e iniciativa persoal, a competencia cultural, artística e de aprendizaxe, así como a promoción da sensibilidade musical, e fomentar o traballo en equipo, o respecto e a tolerancia.

A danza nas aulas
A formación na danza é moi beneficiosa para todo o mundo, pero en especial para as persoas máis novas. Trabállase deste xeito a musicalidade, o ritmo, a expresión corporal, a elasticidade, a resistencia, a forza, a axilidade, o control corporal, a coordinación, o equilibrio, a corrección da postura, a memoria, a sociabilidade, a superación da timidez, a relaxación, a confianza e a propia estima, entre outras.

Compartir: