XUNTA DE GOBERNO

O informe de diagnose dos muros de Santiago recolle actuacións de mantemento e correctivas por importe de 639.000 euros

06/02/2023 A Xunta de Goberno Local, reunida en sesión extraordinaria, tomou en consideración o informe "Diagnose, reparacións urxentes e plan de mantemento dos muros de carácter tradicional de Santiago de Compostela", que contempla actuacións en muros de titularidade pública e privada por un importe total de 639.000 euros. Tamén deu luz verde a licitación ds obras de reurbanización da Praza de León, por un importe de 201.979,60 euros. Dos acordos adoptados informou, en rolda de prensa, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo.

O informe de "Diagnose, reparacións urxentes e plan de mantemento dos muros de carácter tradicional de Santiago de Compostela" divídese en tres documentos, correspondentes a candansúa das fases:

- Fase I: Catalogación dos muros e diagnoses do seu estado. O obxectivo desta fase é determinar o estado de conservación dos muros, definir as necesidades de actuación e establecer a urxencia das mesmas, dependendo do seu estado de conservación e se presentan perigo ou non. O documento recolle tres tipos de actuacións clasificadas pola súa prioridade temporal e pola súa tipoloxía: actuación inmediata (execución en menos dun ano); actuacións a curto prazo (nun período de 1 a 3 anos); e actuacións programables (cun prazo superior a 3 anos).

O estudo establece tres tipos de actuacións sobre os muros:

Preventivas: entre as medidas preventivas figura a limpieza de vexetación enraizada: o corte do arborado en caso de que provoque danos na cimentación, alzado ou sistema de drenaxe dos muros; a limpeza e reparación dos elementos de drenaxe ou recollida de augas pluviais; o encintando ou recheo de ocos entre mampostos con ripios; a recolocación de mapostos perdidos e o aseguramento dos inestales; a reposicón de pezas de coronación de muros; a disminución da presión hidrostática, e o gunitado e bulonado de talud de base dos muros, para a estabilización dos mesmos.

Correctivas: que contemplan actuacións de reconstrución total ou parcial dos muros e aseguramiento de piezas inestables.

De mantemento: que van desde a inspección e diagnose dos muros, actualización do inventariado, control topográfico dos muros, e redacción de posibles proxectos construtivos.

- Fase 2. Corresponde ao documento dous, de planificacion e prediseño das actuacións clasificadas como urxentes, é dicir, as inmediatas. Contempla medidas preventivas, como o corte de arboredo próximo en 8 muros; a limpeza da vexetación enraizada en 12 muros, cunha superficie afectada de 2.153 metros cadrados; e a limpeza de rexillas e eliminación de augas estancadas nun muro cde 50 metros cadrados. Tamén hai previstas medidas correctivas, coa reconstrución do alzado de 30 muros, cunha superficie afectada de 1.335 metros cadrados, a recolocación de mampostos perdidos e aseguramento de pezas inestables en 17 muros; a reconstrución de alzados en 7 muros, a estabilizacion do talud de cimentación nun muro; a consolidación de cimentos mediante saneado en 2 muros, e o refozo de apoio dunha pasarela nun muro.

O importe estimado das obras en muros públicos é de 217.180,06 euros: 34.784,38 euros para as actuacións preventivas e 182.395,68 para as correctivas. En muros privados, o importe ascende a 421.819,94 euros: 23.195,22 euros para as actuacións preventivas e 398.624,73 euros para as correctivas. Todas as cantidades son con IVE incluido.

- Fase 3. Corresponde ao Plan de inspección, conservación e matemento. Este documento, para un periodo de 5 anos, pretende dotar ao concello de Santiago dunha ferramenta que permita sistematizar o mantemento dos muros, levando a cabo un seguimento das patoloxías detectadas nas anteriores fases, coa finalidade de anticiparse a posibles riscos que puidesen derivarse do posible colapso parcial/total dos muros.

Outros acordos

A Xunta de Goberno tamén aprobou o proxecto de reurbanización da Praza de León, que conta cun orzamento base de licitación (IVE engadido) de 201.979,60 euros. O obxectivo deste proxecto é redeseñar este espazo, situado no grupo de vivendas Cardenal Quiroga, en Pontepedriña, priorizando o seu uso lúdico e de estancia. A actuación, ademais de solucionar os problemas de comunicación e accesiblidade existentes, contempla a integración dunha zona de xogo, o redeseño da pavimentación, a mellora da accesibilidade e un axardinamento da contorna seguindo os criterios de sostibilidade, e dando resposta a unha petición formulada pola asociación de veciños Sandra Prego.

A intervención centrarase en ampliar a superficie pavimentada creando ramplas de acceso e renovando o mobiliario urbano; e conservando as árbores de maior porte para que funcionen de barreira natural de protección visual e acústica contra a rúa de Restollal. Contempla tamén unha zona de xogo nunha área circular acoutada, cun pavimento interior de caucho de cores acordes aos novos xogos infantís. O resto do espazo quedará libre, para poder transitar, relacionarse, descansar, xogar ou andar en bicicleta.

As obras de reurbanización da Praza de León, forman parte da EDUSI de Santiago de Compostela, cofinanciada nun 80 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea (Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020).

O Goberno Municipal tamén aprobou o proxecto básico e de execución actualizado denominado "Mellora de equipamentos deportivos e sociais na parroquia de Figueiras", que forma parte do POS+ 2018; e que conta cun orzamento base de execución de 355.699,97 euros. Esta obra contempla a cubrición da pista deportiva exterior; a dotación dun novo equipamento deportivo, que sería a pista de paddle; a reforma e reordenación dos espazos destinados a vestiarios; e a mellora da accesibilidade ás instalacións, adaptándoas ás persoas con mobilidade reducida.

Tamén se deu luz verde á licitación, por un ano prorrogable, do "Servizo de mantemento e conservación do Monte Viso de Santiago de Compostela", reservado a centros especiais de emprego de iniciativa social e a empresas de inserción, a través de procedemento aberto simplificado de adxudicación e tramitación ordinaria, establecéndose un tipo de licitación de 50.000 euros.

Este contrato comprende todas aquelas actuacións necesarias para o mantemento do ámbito en condicións adecuadas de salubridade, seguridade e ornato, incluíndo traballos de roza de material vexetal e limpeza de verteduras.

Por outra banda, deuse conta da sentenza nº 439/2022. O fallo volve dar a razón ao Concello de Santiago, na denegación da excepción de tránsito para paso de camións de máis de 5 toneladas a Sertego Servizos Medioambientales, no vial que conduce ao vertedoiro de Miramontes.

Compartir: