EDUCACIÓN

Aberto o prazo para inscribirse nos programas de conciliación para Semana Santa do espazo de lecer María Miramontes

06/02/2023 A concellaría de Educación acaba de abrir o prazo para inscribirse no programas de conciliación "Vacaludos Semana Santa" que se vai desenvolver, como o ano pasado, na ludoteca María Miramontes de Fontiñas. As familias interesadas poderán solicitar unha das máis de 70 prazas dispoñibles ata o 15 de febreiro.

En total, o programa oferta 73 prazas: 20 para nenos e nenas de 3 anos; 30 para menores de 4, 5 e 6 anos; e 23 para cativos de 7, 8, 9, 10, 11 e 12 anos. O programa de conciliación levarase a cabo o 3, 4, 5 e 10 de abril de 2023, en horario de 07:45 h a 15:00 h.

O obxectivo deste programa é responder ás necesidades de conciliación das familias. É por iso que o acceso a este servizo, que é de balde, priorizará, no caso de que houbese máis solicitantes que prazas, a aquelas familias que traballen ou estean en tránsito do traballo a casa no horario de funcionamento do equipamento, con preferencia das monoparentais; familias con alomenos un membro en risco de vulnerabilidade (con informe de Servizos Sociais); as familias con nenos e nenas en acollida e as familias numerosas.

Procedemento de alta

Todas as persoas que desexen participar nas actividades da Ludoteca (tanto nos períodos lectivos como non lectivos, no que se inclúe a Semana Santa) deben estar dadas de alta, un trámite que poderán levar a cabo cubrindo e presentando o modelo ED009, dispoñible na sede electrónica do Concello.

Aquelas familias de nenos/as que xa están dados de alta no Espazo Miramontes deben cubrir o formulario de solicitude requirido. Unha vez realizado este trámite, recibirán comunicación mediante correo electrónico informando sobre o estado da súa solicitude. Se as circunstancias laborais e familiares mudaron dende a data de alta no Espazo Miramontes deberán acreditalo coa documentación actualizada correspondente.

Direccións relacionadas



Compartir: