ACCIÓN CULTURAL

Cancelas e rótulos de Santiago 'gravados' sobre o papel

02/12/2022 ‘Rótulos da memoria’ e ‘Cancelas de Compostela’ son os libros que edita o Concello de Santiago e que compilan as imaxes de Xaquín Nóvoa para inmortalizar a paisaxe típica das rúas da cidade histórica de Santiago.

Reixas de ferro forxado e indicadores de antigos establecementos forman parte da estampa da améndoa compostelá sendo "historia viva e fantasmal dunha cidade que ten cambiado moito pero conservando vestixios dun pasado non tan afastado que forman parte da identidade da cidade" sinalou a concelleira de Acción Cultural durante a presentación dos libros nun recentemente inaugurado Centro Sociocultural do Casco Histórico Coralia e Maruxa, ateigado de asistentes. Mercedes Rosón reivindicou a importancia de traballos como estes para "preservar e pór en valor a memoria das nosas rúas, das veciñas e veciños que diariamente acudían aos espazos que indicaban eses letreiros".

As imaxes son froito de "varias décadas de traballo" do fotógrafo Xaquín Nóvoa. 151 rótulos artísticos de forxa compostelá pero tamén realizacións recentes sobre distintos soportes compoñen ‘Rótulos da memoria’. Algúns dos rótulos recollidos "incluso xa desapareceron porque os comercios pecharon e noutros cambiaron as dedicacións e tamén o letreiro", polo que supoñen tamén "un percorrido sentimental pola xeografía máis próxima".

‘Cancelas de Compostela’ son algo máis de 50 imaxes que recollen reixas habituais nas casas da cidade histórica, sobre todo, ata finais do século XIX e ata mediados do XX. Todas elas realizadas en forxa, con distintas técnicas e acabados que conforman unha paisaxe moi característica da nosa cidade. Nalgúns casos incluso se documentan diferentes estados dunha mesma cancela en anos distantes.

O volume conta cunha introdución do arquitecto Iago Seara na que destaca a función da cancela que permite ver o interior do portal e amosar o "poder" e a "riqueza" da casa ao tempo que marca a barreira da propiedade privada.

Os dous exemplares foron maquetados por Xaime Fandiño e contan cun mapa que ubica os elementos fotografiados na améndoa.

Xaquín Nóvoa

Nacido en Ourense, 1940 e veciño de Santiago dende 1974. Estudou Filosofía e Letras na Universidade Complutense de Madrid e Socioloxía e Psicoloxía na Universidade Católica de Lovaina.

Dende 1984 realizou exposicións individuais de fotografías sobre diferentes temas:"Fiestras","Cables","Gresite","Santiago","Feitizos" ou "Cabeleira de Pedra" en diversas salas de Santiago e do resto de Galicia e Madrid. Ademais participa en diferentes exposicións colectivas en Galicia, Lisboa, Bruxelas, Copenhague, Australia e México.

O Consorcio de Santiago publicou en 1993 o libro "Cabeleira de Pedra" con 32 fotografías súas e con textos poéticos de Xesús Rábade e Helena Villar.

Compartir: