ALCALDÍA

O Concello amplía o servizo gratuíto de limpeza de pintadas nos elementos de carpintería dos edificios, a toda a cidade

06/08/2022 Co obxecto de combater o feísmo das pintadas e graffiti en portas, portalóns, fiestras e demais elementos de carpintería dos edificios da cidade histórica, o Concello de Santiago puxo en marcha fai 10 meses, un servizo gratuíto de limpeza creado no marco dun proxecto de inserción laboral do departamento de Emprego.

A través dun equipo integrado por cinco persoas, prestouse axuda a aqueles propietarios ou comunidades de propietarios que quixeron proceder á limpeza de pintadas e graffiti nos elementos de carpintería dos inmobles situados na cidade vella co obxectivo de eliminar o feísmo e de concienciar sobre a necesidade de manter coidada e limpa a cidade.

Neste momento, o Concello amplía o ámbito de intervención do servizo gratuíto de limpeza de pintadas nos elementos de carpintería dos edificios, a toda a cidade.

Procedemento para a solicitude

Quen queira solicitar o servizo só ten que cubrir o impreso que se achega ao final desta información en nome da persoa propietaria ou da comunidade do edificio e envialo ao enderezo de correo electrónico limpezapintadas@santiagodecompostela.gal. Os empregados municipais procederán a inspeccionar o inmoble e posteriormente procederase á limpeza ou ao repintado cando as tintas ou produtos químicos utilizados sexan difíciles de eliminar. O Concello tamén pon a disposición un teléfono móbil para calquera dúbida ou consulta: 618 509 278.

Con esta actuación sobre elementos privados, de carácter experimental, o Concello de Santiago pretende probar fórmulas alternativas á subvención directa para axudar as persoas propietarias de vivendas do casco histórico a limpar os edificios de pintadas e graffiti, coa finalidade de loitar contra as pintadas vandálicas e conseguir que as persoas que realizan graffiti non continúen con esa práctica incívica.

O servizo forma parte dun proxecto de inserción laboral subvencionado integramente pola Xunta de Galicia.

Compartir: