EDUCACIÓN

O Concello recoñece o labor do persoal docente xubilado neste curso

23/06/2022 O Teatro Principal acolleu esta mañá o acto de homenaxe que o Concello de Santiago quixo brindar ao profesorado dos centros de ensino de educación infantil, primaria e secundaria de Compostela que se xubilaron neste curso escolar.

Trátase dun acto simbólico de recoñecemento do profesorado, unha ocasión de encontro e de proximidade na que a comunidade educativa, representada polos directores e directoras da cidade, o profesorado e o Concello de Santiago expresan o seu agradecemento pola dedicación daqueles profesionais do ensino que inician este ano unha nova andaina vital. No acto estiveron presentes o alcalde de Santiago e o concelleiro de Educación, Rubén Prol, así como outros membros da Corporación Municipal.

Sánchez Bugallo agradeceulles o labor prestado ao longo de todos estes anos e reinvindicou o traballo e a pegada que deixan os profesores no seu alumnado. Xubiláronse en total 26 docentes dos seguintes centros: CEIP Lamas de Abade, CEIP Monte dos Postes, CEIP Pío XII, CEIP Roxos-Villestro, CEIP López Ferreiro, Escola rural Gaioso-Eixo, IES Rosalía de Castro, CIFP Politécnico de Santiago, IES Xelmírez I, IES San Clemente, IES de Sar, IES Xelmírez, IES Xelmírez II, Colexio Peleteiro.

Por parte do profesorado, tomaron a palabra dous docentes en representación da educación primaria e da educación secundaria: Delfina Bañobre, directora do CEIP Apóstolo Santiago, e Xavier Dapena Castro, director do IES A Pontepedriña. Tamén interviu no acto o catedrático da Universidade de Santiago de Compostela, Antón Costa Rico.

O acompañamento musical do acto estivo a cargo de Begoña Riobó e Anxo Pintos, dous referentes da música tradicional galega que logo de traballar e colaborar de xeito ocasional en diversas formacións, deciden crear o dúo PÄRBO. Violín, arpa céltica e voz soa da man de Riobó, e zanfona e 2º violín, de Pintos. Ambos os dous cunha excelente traxectoria profesional que os precede como intérpretes, compositores, e formadores de innumerables músicos tanto en Galicia como no estranxeiro.

Compartir: