URBANISMO E CIDADE HISTÓRICA

Preséntase a estratexia de actuación do rexistro de soares do Concello de Santiago

19/01/2022 A concelleira de Urbanismo e Cidade Histórica, Mercedes Rosón, presentou hoxe a estratexia de actuación do rexistro de soares do concello de Santiago. Segundo informou, xa se desenvolveu a primeira fase dese traballo. Trátase dun traballo de campo, no que se incluiron 123 inmobles en avanzado estado de deterioro situados no ámbito do PE-1.

Partindo do centro da amendoa histórica cara o exterior, detectáronse 28 inmobles no recinto intramuros, 28 nas áreas urbanas históricas inmediatas, 40 nos lineais periféricos, 18 nos tecidos históricos renovados, e 9 nos rueiros.

A partir de agora continúa a tramitación administrativa. Incóase o preceptivo expediente de orde de execución, dáselle audiencia aos propiearios e ordénaselle facer o que conste no informe técnico establecendo un prazo. Se non o fan, emítense dúas multas coercitivas. E se non hai resposta, inclúese no rexistro de soares cunha valoración, para a continuación, dar conta ao rexistro da propiedade e iniciar o procedemento para venda ou poxa de esta edificación. Na primeira poxa sae a licitación pola valoración económica realizada polo arquitecto municipal. Se non hai comprador, faise unha segunda poxa diminuindo nun 25% o prezo inicial de licitación. A persoa que adquira ese inmoble faino co comprimiso de rehabilitalo no prazo máximo dun ano. Darase prioridade as vivendas máis deterioradas, as de grao 1 e ás do recinto de intramuros.

Mercedes Rosón, que estivo acompañada da directora da área de Urbanismo, Ana Prieto, e do arquitecto municipal Carlos Bóveda, definiu o rexistro de soares "como un instrumento urbanístico para a rehabilitación da cidade construída; co obxectivo de impulsar a recuperación e consolidación do tecido residencial de Compostela".

Tamén lembrou que "no marco do programa de inspección e control dos aloxamentos turísticos e mellora da imaxe da cidade con especial atención ó ámbito do PE-1, establécese como un dos puntos prioritarios a activación e posta en marcha do rexistro de soares, ao amparo da lei 2/2016 do solo de Galicia". E que "o rexistro de soares permite a adquisición por parte de terceiros, mediante poxa pública daqueles soares, ruínas ou edificacións sobre as que non se realizasen as obrigas relativas os deberes de uso, conservación e rehabilitación do correspondente inmoble".

Unha vez rematada a primeira fase, a que atinxe ao ámbito do Plan Especial 1 (PE-1), establecido como prioritario, o obxectivo é continuar no ámbito do Perímetro Azul (o que rodea á cidade histórica). Completadas estas dúas primeiras fases porase o foco nunha terceira, na que se actuará en barrios periféricos ou incorporados á cidade consolidada como Conxo, Santa Marta, Combarro, Lamas de Abade, Angrois, Cruceiro de Sar, O Outeiro, Concheiros-Cotaredo, San Lázaro, Muiña, Mallou, Meixón Frío, Vite de Arriba, A Torreira, Casas Novas ou Casas do Rego.

Neste estratexia de rexistro de soares, e dentro de cada ordenanza, establécense despois dese estudo de campo para localizar as edificacións en ruinas, soares ou fincas con incumprimentos no seu deber de uso, conservación e rehabilitación; dous graos de actuación diferentes.

En primeira instancia estarían as edificacións de grao 1. Son os inmobles que precisan dunha actuación urxente e inmediata por risco inminente de perda de patrimonio catalogado ou interese arquitectónico no ámbito no que se sitúa. En segunda instancia están os de grao 2. Son os inmobles que presentan un avanzado deterioro que imposibilita o seu uso e que, de proseguir o avance do seu estado, desembocarán nun curto período de tempo nun estado de ruína estrutural.

A directora da área de Urbanismo, sinalou que "esta resposta administrativa", en referencia ao rexistro de soares, podería ser unha posible solución á problemática dos cascos históricos, que deben dar resposta as novas necesidades das persoas que os habitan, e a funcionalidades cun criterio de sostibilidade que o faga atractivo para os futuros habitantes, sen perder "esa memoria viva, esa memoria histórica e social" que os caracterizan. Garantíríase asi, sinalou, a súa pervivencia, "no sentido que sempre tivo a cidade histórica de Santiago de Compostela".
Neste reto, continuou, o principal obxectivo é impedir a súa degradación, e a perda de elementos que constituen a "súa indiosincrasia". Por iso se plantexa a rehabilitación das vivendas. Pero a rehabilitación deste tipo de edificios, segundo sinalou Ana Prieto, "percíbese como máis custosa, o que non é certo". A isto únese, indicou, outra problemática: a propiedade. Explicou que "habitualmente son edificacións que responden a herdanzas, que teñen unha pluripropiedade ou copropiedade entre moitas persoas físicas, ou incluso xurídicas, que non viven no mesmo lugar, ou non teñen relación entre elas, o que dificulta moito a resposta". "É unha dificultade engadida, fronte a outras rehabilitacións de propiedades únicas", engadiu.

Por outra banda, tamén se intúe, subliñou, "un parón na rehabilitación como consecuencia do novo uso que se percibe como máis rendible económicamente co de vivenda, que é o uso turístico; e as resolucións dos tribunais sen unha limitacion clara dese uso que se teñen producido en anos recentes". "Esa perspectiva de maior rendibilidade", engadiu, "fai que determinados proxectos estean paralizados. A nosa intención é pór sobre a mesa esas posibilidades que nos da a lei para incentivar que os contedores de vivendas poidan ser utilizados en condicións de habitabilidade", finalizou.

Compartir: