TURISMO

Santiago presenta en FITUR o seu patrimonio natural e lanza a candidatura do Carballo de Conxo a Árbore Europea de 2022

19/01/2022 Xosé Sánchez Bugallo recolleu en FITUR o premio que acredita ao Carballo de Conxo como Árbore Española do Ano 2022 e deu a coñecer a candidatura para acadar o título de "Tree of the Year", a nivel europeo. Tamén se presentou a campaña "Santiago, Patrimonio natural", que busca por en valor as zonas verdes da capital galega como atractivo turístico.

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e o concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, encabezaron hoxe a delegación do Concello de Santiago en Fitur, a principal feira turística do Estado que se celebra en Madrid dende este mércores ata o vindeiro domingo, 23 de xaneiro. No evento, ao que tamén acudiu a xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil, presentouse a campaña "Santiago, Patrimonio natural", co obxectivo de poñer en valor as zonas verdes de Santiago como un atractivo turístico máis da capital galega. O rexedor compostelán recordou que Santiago conta con "60 parques municipais cunha superficie de máis de 3 millóns de metros cadrados" e que xunto aos espazos da Xunta de Galicia e da USC, "abranguen unha área de 6 millóns de metros cadrados que supera catro veces os estándares marcados pola OMS".

No evento, o alcalde recolleu o premio que acredita ao Carballo de Conxo como Árbore Española deste ano e presentouse a campaña para facerse co título de Árbore Europea do ano 2022. Co lanzamento de #VotaCarballo preténdese dar a coñecer "O Avó" entre o público español e acadar "o obxectivo marcado de chegar aos 100.000 votos e plantar 100.000 árbores de especies autóctonas", segundo palabras de Sánchez Bugallo. O acto contou coa presenza da presidenta de Bosques sen Fronteiras, Susana Domínguez, do vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda e do director general de Biodiversidad, Bosques y Desertificación do MITECO, Jorge Marquínez.

Ademais, a campaña pretende recuperar a Carballeira do Banquete de Conxo. Levarase acabo unha repoboación de carballos sementados mediante landras do histórico Carballo para que a memoria e o "ADN" desta árbore se multiplique ao seu redor, nun bosque novo que recuperará a esencia do vello Bosque de Conxo do século XIX.

A axenda da delegación compostelá continuará mañá, cando o alcalde recollerá o Premio SICTED polo 20 aniversario da adhesión de Santiago ao Sistema Integral de Calidade Turística en Destino. A capital galega foi, o ano pasado, a segunda cidade de España en Calidade Turística en Destinos. Só en 2021, traballouse con 130 empresas de 18 diferentes subsectores turísticos da cidade. Como resultado de este labor, propuxéronse ao Comité de Distinción da Secretaría de Estado de Turismo a 108 candidatos para recibir a distinción de calidade de SICTED.
Ademais, asinarase un acordo entre RENFE, Incolsa e a Asociación Hostelería Compostela para a promoción de Santiago como destino turístico a través dos ferrocarrís e, especialmente, para aproveitar o potencial do AVE para a chegada de viaxeiros á cidade.

De xeito paralelo, a xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil, manterá case unha vintena de reunións de traballo con profesionais do sector, no que se porá en valor o Ano Santo 2022 e a consolidación da recuperación turística da capital galega, iniciada no segundo semestre de 2021.

Compartir: