XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno Local prorroga as autorizacións de venda ambulante e de artesanía ata o 31 de outubro

27/09/2021 A Xunta de Goberno Local acordou hoxe prorrogar as autorización de venda ambulante de artesanía ata o vindeiro 31 de outubro de 2021, coa obriga por parte dos autorizados de manter o cumprimento dos requisitos establecidos nas bases para o exercicio da actividade. Tamén aprobou a concesión de subvencións ás asociacións de veciños para o desenvolvemento de programas e actividades de interese xeral durante o exercicio 2021. Dezasete asociacións beneficiaranse destas axudas, que suman, en total, 38.582,86 euros. Dos acordos informou en rolda de prensa, o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo.

O executivo municipal tamén aprobou declarar ao barrio de San Pedro "Barrio amigable, diverso e libre de discriminación LGTBIQ+. Cúmprese así a petición da veciñanza que, nun texto entregado ao Alcalde de Santiago de Compostela, o pasado 17 de setembro, xunto a 1.210 sinaturas, 39 delas pertencentes ao tecido empresarial, solicitaban este recoñecemento.

Contratación
Por outra banda, aprobouse o expediente denominado "Instalación de alumeado público na rúa das Estrelas" e a apertura do procedemento de adxudicación mediante procedemento aberto simplificado, establecéndose un tipo de licitación de 68.050 euros.
Tamén se deu luz verde o expediente que ten por obxecto a licitación das obras de "Mellora da accesibilidade do Concello de Santiago 2021" reservado a centros especiais de emprego de iniciativa social e empresas de inserción social ", cun gasto de 222.606,40 euros.
Ademais, aprobouse o expediente de licitación de subministración de 70 colectores de carga lateral de 2.000 litros e 100 colectores de carga traseira de 120 litros para a recollida selectiva de biorresiduos no Concello de Santiago, e acordouse abrir o procedemento de adxudicación mediante procedemento aberto simplificado, autorizando un gasto de 60.000 euros, divididos en tres lotes.
O financiamento desta actuación forma parte das axudas en materia de residuos de competencia municipal cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020.

Outros acordos
No apartado de licenzas, a Xunta de Goberno Local acordou conceder a Lidl Supermercados S.L.U, licenza de obras para ampliación da nave comercial e execución de marquesiña exterior, na rúa Eslovenia, cun orzamento de execución material de 1.336.128,12 euros.

Tamén se acordou o persoamento no Procedemento Ordinario 7619/2021 e peza separada de medidas cautelares 7619 /2021 0001 tramitados ante no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, autorizando a Asesoría Xurídica a asumir a defensa e representación do Auditorio de Galicia. Este procedemento está relacionado co recurso presentado contra os pregos do contrato de CINEUROPA, por unha das empresas presentadas, que non resultou adxudicataria.

Compartir: