ACCIÓN CULTURAL

Charo Pita e a Banda Municipal de Santiago musican ‘O gato con botas’

04/12/2020 O Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura acolle este domingo, 6 de decembro, a partir das 12 horas, o espectáculo ‘Unha aventura singular: o gato con botas’, unha versión musicada do conto clásico na que participa a narradora Charo Pita e a Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela coa dirección de Casiano Mouriño. Os convites para o evento pódense reservar en https://atlantica-gato-con-botas.eventbrite.es

Charo Pita únese así ao grupo de contadores do Festival Atlántica que actuaron acompañados pola veterana banda picheleira, nun formato que se inaugurou na edición do 2018 con Nono Granero e que vai camiño de se converter nun clásico deste encontro de narración oral.

A artista galega, que posúe unha ampla experiencia na combinación de música e contos, afronta neste espectáculo un dobre desafío: a adaptación dun clásico da tradición europea e facelo na compaña dos case 40 integrantes da banda.

‘O gato con botas’ é un conto popular europeo recompilado a finais do século XVII polo escritor Charles Perrault no seu libro ‘Contos de mamá ganso’, aínda que existen versións anteriores. Nel nárranse as argucias dun espelido gato para axudar o seu amo na procura de fortuna.

Artista polifacética

A galega Charo Pita naceu á idade de seis anos cando acabou de ler o seu primeiro libro. Leva contando historias de viva voz e impartindo obradoiros de narración oral e lectura en voz alta desde o ano 94, como narradora en solitario, dentro de espectáculos bilingües inglés-galego, ou en sesións nas que se combinan os contos e a música. Como escritora ten máis dunha ducia de libros publicados. Recibiu algúns galardóns literarios, como o premio Espiral Maior de poesía no ano 2001 ou o Manuel Murguía de narracións breves para adultos no 2018. Recentemente, o seu poemario ‘O cuarto de Jane’ gañou o primeiro premio do XV Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas. Unha das súas facetas máis persoais é a de mesturar contos e música, de aí a súa participación en proxectos como ‘A nena e o grilo no país das apertas’ xunto a Magín Blanco, en ‘Estamos no verán’ xunto a Xoán Curiel ou ‘No país do vento’ da man de María Faltri e Jorge Juncal.

No tocante á Banda Municipal de Santiago de Compostela, é unha das máis antigas de Galicia, xa que naceu en 1848. Ao primeiro tiña carácter afeccionado, ata que en 1876 o Concello decidiu facerse cargo dela e comezou a se profesionalizar. Na actualidade conta con 37 compoñentes e desenvolve unha intensa actividade de concertos ao longo de todo o ano. O seu director é o pontevedrés Casiano Mouriño Maquieira.

Compartir: