NADAL

O Nadal xa loce en Compostela

04/12/2020 Arrancou o Nadal en Compostela co acendido das iluminación e a posta en marcha do programa de actividades pensado para todos os públicos, entre elas, o mercado de Carreira do Conde. O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, acompañado por máis membros da Corporación deu o pistoletazo de saída ao Nadal máis atípico.

O Nadal en Compostela arrancou ás 19.00 h de hoxe co acendido das luces: 21 km de manto lumínico e arcos decorativos en varios puntos da cidade, fundamentalmente no Casco histórico e no Ensanche, os ámbitos comerciais máis importantes, pero tamén nos principais barrios e vías de entrada da zona urbana, seguindo a pauta do ano pasado.

As luces, de tipo led, estarán encendidas desde as 18.00 h ata as 2.00 h, agás os días 24, 25 e 31 de decembro de 2020 e o 5 de xaneiro de 2021 nos que a iluminación permanecerá acendida desde as 18.00 h ata o amencer do día seguinte.

Esta iluminación das rúas complétase coa que leva a cabo Turismo de Santiago, que busca pór en valor as persoaxes senlleiras presentes na Alameda ou edificios representativos como a fachada de San Domingos de Bonaval, a fachada do Pazo de San Xerome e a Casa da Conga.

Mercado de Carreira do Conde
Xa está en funcionamento tamén o xa tradicional Mercado de Carreira do Conde ás 17.00 h. Como cada ano, composteláns/ás e visitantes poderán facer as súas compras de Nadal nos 70 postos de decoración, alimentación gourmet e artesanía do mercado ademais da ampla oferta de comercios locais da cidade.

As tres primeiras quendas (4 -9, 10-16 e 17-23 de decembro) desenvolveranse na rúa Carreira do Conde e estarán dedicadas en exclusiva á decoración de Nadal e á alimentación selecta, facilitando ao público a preparación da casa e dos menús para estas datas especiais.

As dúas seguintes (26-30 de decembro e 31-5 de xaneiro), nas que haberá postos non só en Carreira do Conde senón tamén en Área Central, resérvanse para os produtos de artesanía e regalo orixinal, coa data da Noite de Reis como horizonte.

O mercado permanecerá aberto ata o 5 de xaneiro en horario de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:30 horas; estará pechado os días 24 e 25 de decembro e 1 de xaneiro; e só abrirá pola mañá o día 31 de decembro.

Autocine
Unha das novidades deste Nadal é o autocine. Do 18 ao 23 de decembro poderá accederse de balde (previa reserva a partir do 10 de decembro nunha páxina que se anunciará proximamente) ao aparcadoiro de Salgueiriños para sentir o cinema dun xeito único a través do equipo radiofónico do noso vehículo. Para o público familiar proxectararanse as películas: A galiña Turuleca, Copiño de Neve, Gisaku, Noctura. Unha aventura máxica, Goomer e Pinocho 3000. Para o público adulto: A illa das mentiras, Arima, Lobos sucios, Os mortos van á présa, O ouro do tempo e A praia dos afogados.

Mercado da Estrela
De novo, durante a fin de semana do 18, 19 e 20 de decembro, contaremos con outra cita xa habitual no Nadal compostelán, o Mercado da Estrela, un evento cultural multidisciplinario no que as persoas creadoras de Galicia exhiben e venden o froito do seu talento para que as súas pezas se convertan en orixinais e innovadores agasallos con selo #talentogalego. Mercado que se completa cun atractivo programa de concertos pop-rock, indie, música tradicional, electrónica, sesión picadiscos e obradoiros.

Festival Apego
O domingo 27, no Auditorio de Galicia, terá lugar unha das citas máis especiais do ano para as familias de Compostela. A xa tradicional Festa do Apego convértese desta volta en Festival, cun elenco de artistas recoñecidos polo público miúdo que conformarán un espectáculo inédito que amosa a riqueza das creacións en lingua galega para as crianzas. Magín Blanco, Xarope Tulú, Mamá Cabra, Fantoches Baj, Golfiños, Pablísimo, Pakolas, Aldaolado e Pablo Díaz conducidos por Iria Pinheiro e coa presenza ineludible do Apalpador.
O espectáculo, que é de balde e cunha duración aproximada dunha hora (desde as 18.00 h), requerirá de retirada de entrada na semana previa en compostelacultura.gal para a asistencia presencial, aínda que tamén poderá seguirse ao vivo nas canles de Youtube do Concello e do Departamento de Lingua Galega.

E moito máis
Non faltarán tampoco o concurso de escaparatismo, a música dos pasarrúas e os concertos da Real Filharmonía de Galicia e da Banda Municipal de Música; nin o teatro, o circo e a maxia; o espectacular Belén de San Fiz de Solovio e unha carreira de San Silvestre tamén adaptada ás actuais circunstancias.

Haberá tamén unha morea de obradoiros para todas as idades nos centros socioculturais, espectáculos e proxeccións en familia. Estas datas son especiais para as pequenas comunidades de veciñanza e barrios que forman a cidade e nos CSCs haberá un amplo abano de actividades de balde para facer máis inesquecibles estas festas.

Recepción de Reis
Remata o Nadal coa recepción dos Reis Magos, que "será distinta máis igualmente máxica e especial", salientou Muíños. Os nenos e nenas de Compostela terán a oportunidade de entregarlles persoalmente aos Reis Magos de Oriente as súas cartas nunha recepción que terá lugar na Igrexa de San Domingos de Bonaval. Este máxico encontro comezará a partir das 12.00 h, prolongándose ata as 22.00 horas.

En cumprimento dos protocolos de seguridade só se poderá acceder á recepción cunha entrada que levará aparellada unha franxa horaria concreta. Por cada invitación poderán ver os Reis ata dous menores, que sempre irán acompañados dunha única persoa adulta. A entrada recollerase na billeteira do Teatro Principal os días 28, 29 e 30 de decembro e 2, 3 e 4 de xaneiro de 18 a 20 h.

Uso peonil no Ensanche

As principais rúas do Ensanche tamén son de uso peonil desde as 15.00 horas de hoxe, venres 4, co fin de contar cun maior espazo para a necesaria socialización e, ao mesmo tempo, garantir o distanciamento imposto polas restricións derivadas da crise sanitaria.

Polo tanto, Alfredo Brañas e Xeneral Pardiñas volven ter uso peonil continuado ata o 11 de xaneiro de 2021. Esta medida non afecta á circulación das rúas perpendiculares (da República do Salvador e de Montero Ríos), que estarán abertas ao tráfico de vehículos.

Mercadiño de Fontiñas
Aínda que non é de temática navideña, tamén arranca este sábado o mercadiño de Fontiñas, que se suma ao que todos os xoves ten lugar na explanada de Salgueiriños. Ubicado na rúa París, terá horario de 9.00 h a 14 horas e celebrarase, en principio, ata o 2 de xaneiro, co obxectivo de dinamizar esta zona da cidade. Súmase á pista de xeo que se instalará en Área Central e que comezará a funcionar tamén o sábado 5.

Documentos relacionados



Compartir: