ALCALDÍA

Retómanse as xuntanzas da Comisión de Ourives

25/09/2020 Retómanse as xuntanzas da Comisión de seguimento do Plan Estratéxico de Ourives de Compostela, constituída o pasado 17 de febreiro para pór en valor este traballo artesanal no que Santiago é unha referencia, tralo parón imposto pola COVID.

Nesta reunión, que inicialmente estaba prevista para marzo, debatéronse as actividades que integran o plan e que se prevén executar neste 2020. Así mesmo, continuouse avanzando nas posibles formas de colaboración entre as distintas administracións para desenvolver as do ano que vén.

Á xuntanza de hoxe, presidida polo alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, asisitiron tamén a concelleira de Urbanismo e Acción Cultural, Mercedes Rosón; o edil de Presidencia Relacións Institucionais e Turismo, Sindo Guinarte; Sol Vázquez Abeal, directora xeral de Comercio e Consumo; Guillermo Carlos Otero, subdirector de Innovación e Coordinación Administrativa; María Eugenia Pérez, subdirectora xeral de Formación Profesional; José Blas García Piñeiro, en representación da Deputación da Coruña; Pablo Sampedro, director da Área de Cultura da USC; Arturo Ouro, presidente da Asociación de Artesáns e Comerciantes "Ourives de Compostela"; Lisardo Núñez, asesor da Asociación; a xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil; e a técnica municipal de Comercio, Lucía Castro.

Santiago chegou a ser unha referencia a nivel mundial en orfebraría. Na Idade Media contabilizáronse ata 130 obradoiros de prateiros e acibecheiros arredor da Catedral. Pór en valor este oficio e recuperar a súa importancia histórica é un dos obxectivos do Plan Estratéxico deseñado por Ourives de Compostela, que presentaron no mes de xullo no Paraninfo da USC

Compartir: