ALCALDÍA E FESTAS

Acendido o alumeado de Nadal, que este ano chega a 170 localizacións diferentes de Compostela

05/12/2019 A praza do Obradoiro acolleu o acto de acendido da iluminación de Nadal, coa asistencia do alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e membros da Corporación. Alí, puideron observar a árbore cónica de leds e o Belén luminoso instalados na praza, dende a que tamén se pode observar a iluminación do Pazo de Raxoi.

Neste Nadal ilumináronse 170 ubicacións, entre rúas, prazas, fachadas e outros elementos, instalando máis de 600 elementos, entre arcos, farois, árbores... Destacan os tres teitos luminosos, nos que se utilizaron sete quilómetros de cordón luminoso ou grilandas. Están na rúa do Franco, en Bautizados e dende a praza de Galicia ata a praza de Cervantes, pasando polas Orfas, Caldeirería e Preguntoiro.

Entre os elementos singulares salientan a árbore cónica de 20 metros de altura da praza do Obradoiro -que ademais é transitable-, o Belén de luces led da praza e o agasallo de luces instalado na praza Roxa (36 metros cadrados).

Este ano destinouse a mesma cantidade de diñeiro para o alumeado da Cidade Histórica que para o Ensanche (45.000 euros). O resto repartiuse entre os barrios e entradas da cidade, parroquias, iluminación artística singular en prazas e iluminación en edificios municipais.

Na Cidade Histórica, están iluminadas 18 prazas e 55 rúas, entre elas Basquiños, Santa Clara, San Roque, Algalia de Arriba, Acibechería, Preguntoiro, Caldeirería, Orfas, rúa Nova, rúa do Vilar, Franco, Raíña, Fonseca, Xelmírez, Conga, San Francisco, Cantón do Toural, Bautizados, Porta Faxeira, Casas Reais ou Galeras. No Ensanche hai alumeado en 28 rúas, entre elas Xoán Carlos I, avenida de Vilagarcía, Santiago de Chile, Doutor Teixeiro, etc.

En canto ás parroquias, colocouse en cada unha delas (23 en total) un elemento lumínico alegórico ás festas do Nadal, aos que se suma unha estrela anunciadora do Belén de Conxo. Para os barrios destináronse 35.000 euros, co obxectivo de levar o alumeado de Nadal a todas as zonas da cidade, iluminando neste caso 21 rúas.

A instalación complétase co alumeado do Pazo de Raxoi, da Oficina de Rehabilitación de Cervantes, da sede do Consorcio na rúa do Vilar e do Teatro Principal na rúa Nova; e tamén con elementos singulares na praza Roxa, no Obradoiro, en Rodrigo de Padrón, na praza de Galicia e nas rotondas de acceso á cidade.

Ademais, Turismo de Santiago contribuíu cunha iluminación especial para esculturas da Alameda (As Marías, Valle-Inclán e Rosalía de Castro).

Mercado de Nadal
Despois de acender o alumeado no Obradoiro, a Corporación realizou un paseo por algunhas das rúas do Casco Histórico, para a continuación dirixirse ao Mercado de Nadal de Carreira do Conde, que tamén abriu este xoves.

Documentos relacionados



Compartir: