POLÍTICAS SOCIAIS

O Concello destina 600.000 euros á convocatoria de bolsas de comedor, material escolar e actividades extraescolares

24/05/2019 A concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, deu conta hoxe da nova convocatoria de bolsas de comedor, material escolar e actividades extraescolares para o vindeiro curso escolar. Estivo acompañada de Javier Maroño (técnico de xestión) e Ana Ares (traballadora social).

Dende hoxe e por un prazo de 15 días hábiles (ata o 14 de xuño), estará aberto o prazo para a súa solicitude. Poden optar á convocatoria as unidades familiares e de convivencia empadroadas no Concello de Santiago, con persoas menores ao seu cargo escolarizadas nos centros docentes públicos ou concertados do municipio sostidos con fondos públicos, que cursen Educación Infantil (segundo ciclo) ou Educación Primaria. Ademais, para a modalidade de escaseza de recursos non se pode superar a renda per cápita de 6.454,08 €/ano (IPREM). No caso da conciliación, o baremo económico é que a renda máxima familiar non pode superar os 22.589,28 €/ano (3,5 veces o IPREM e é preciso acreditar a xornada laboral de ambos proxenitores, titores legais ou soamente da persoa solicitante no caso de separacións, divorcios e familias monoparentais.

A concelleira insistiu en que este é "un programa igualador de oportunidades, porque garante o dereito á educación con independencia das cuestións económicas e de conciliación laboral". Para Concha Fernández, "é importante que estas axudas se outorguen a cuestións básicas como a alimentación, pero tamén a outros aspectos como o das actividades que son fundamentais para fomentar a convivencia e darlles as mesmas oportunidades a todos os nenos e nenas".

Modalidades
Como nos anos anteriores, existen dúas modalidades de bolsas de comedor. Por unha banda, a de escaseza de recursos económicos onde se inclúen bolsas de comedor, actividades extraescolares e material escolar (para o segundo ciclo de Educación Infantil). Por outra banda, a de conciliación, onde se poden solicitar bolsas de comedor escolar.

No relativo ás contías, para o primeiro caso de escaseza de recursos, as bolsas de comedor están dotadas de 90 euros ao mes, agás que o importe sexa inferior a esa contía. Para as actividades extraescolares aboarase 30 euros ao mes, agás que o importe sexa inferior a esa contía. Para as bolsas de adquisición de material escolar haberá un pago único dun máximo de 60 euros.

Para o segundo caso de bolsas de comedor para a conciliación da vida persoal, familiar e laboral concederanse ata 80 bolsas por importe de 45 euros ao mes, dez bolsas máis que no curso actual e 30 máis que no pasado curso. Para máis información está dispoñible o teléfono 981 542 465 ou en Servizos Sociais (rúa de Isaac Díaz Pardo, nº 2-4, Galeras).

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: