ALCALDÍA

Santiago celebra o nacemento de Rosalía con música, visitas guiadas e actividades infantís

19/02/2019 Santiago vai celebrar o 182 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro cun amplo programa de actividades no que participan varias concellerías, coa colaboración da asociación veciñal do Ensanche, Raigame, e da Fundación Rosalía de Castro. A Semana de Rosalía en Compostela vaise prolongar ata o próximo 28 de febreiro, con actividades nas que se implica o tecido hostaleiro e comercial do Ensanche e Conxo, e na que destacan como os concertos de Amancio Prada e Uxía.

O alcalde, Martiño Noriega, presentou hoxe a Semana de Rosalía en Compostela, nunha rolda de prensa na que tamén participaron o presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira, e o presidente da asociación veciñal Raigame, Xosé Manuel Durán. O alcalde explicou que o programa "está pensado para reivindicar a figura de Rosalía e os seus vencellos con Santiago, e para facelo coa participación da cidadanía, do tecido asociativo, dos colexios, das persoas maiores e do público infantil".

O presidente da Fundación Rosalía felicitou ao Concello e a Raigame por esta programación, que "é a mellor maneira de reivindicar a Rosalía, levándoa aos colexios, aos establecementos de hostalería, ao pobo… sen renunciar á difusión do seu grande perfil como escritora". Na mesma liña, o responsable da asociación veciñal Raigame, Xosé Manuel Durán, agradeceu que "o Concello respondera a todas as reivindicacións do colectivo para a celebración deste día tendo en conta o Ensanche". Para el, "este proxecto permite cultivar as relacións de veciñanza no barrio, que é fundamental para que sexa un lugar máis acolledor".

Implicación de colexios, comercios e establecementos hostaleiros
O alcalde salientou a implicación cidadá na celebración da Semana de Rosalía en Compostela, que fixo posible "a organización de actividades ao longo de toda esta semana, dirxidas a distintos públicos". Así, os colexios San Xosé de Cluny e Quiroga Palacios están a celebrar unha semana cultural dedicada á escritora, que tamén está a ser homenaxeada nos comercios do Ensanche e Conxo, que agasallan con poemas de Rosalía a todas as persoas que fagan as súas compras nesta semana. Tamén ata o próximo día 28, diversos establecementos de hostalería do Ensanche e Conxo ofrecerán degustacións do Caldo de Gloria, unha iniciativa inspirada no poema "Miña casiña, meu lar", no que Rosalía explicaba como facer un caldo humilde. O Concello recolle así a proposta da Fundación Rosalía para elaborar esa receita o 24 de febreiro, data do aniversario do nacemento da autora, e amplíaa no tempo para que os establecementos de hostalería oferten esta preparación dende o 18 ata o 28 de febreiro.

Tamén na Rede de Centros Cívicos, a autora de Cantares Gallegos é protagonista nestes días, nos que as aulas de lectura e os clubs de lectura organizan mostras da súa obra e debaten ao redor dos textos de Rosalía.

Ademais, o xoves 21 de febreiro haberá lecturas escenificadas da obra de Rosalía, coa actriz Ana Ponte e o actor Diego Freire. A actividade pasará ao longo da tarde polos centros José Saramago de Vite, Fontiñas, Agustín Bueno do Castiñeiriño, Aurelio Aguirre de Conxo e Santa Marta.

Música, lecturas e actividades infantís
Para o 22 de febreiro está prevista unha lectura pública de poemas de Rosalía, nun acto que se celebrará a partir das 12 do mediodía na praza de Vigo. Trátase dunha iniciativa conxunta da asociación veciñal Raigame, a asociación Agadea e os colexios Quiroga Palacios e San Xosé de Cluny.

No mesmo día, está prevista a chamada "ManiFESTAción rosaliana", fronte á estatua de Rosalía da Alameda. Neste caso será o alumnado dos institutos Arcebispo Xelmírez I e Rosalía de Castro os que se encarguen de darlle lectura aos textos rosalianos, en dúas quendas ás 10:25 e ás 12:25 horas.

Xa para o mércores 27 está previsto un Itinerario Rosaliano, en colaboración pola Asociación Cultural O Galo. O roteiro está deseñado para dar a coñecer os lugares da cidade vinculados a Rosalía de Castro, dende a praza de Vigo, onde estaba a casa na que naceu a autora; o instituto que leva o seu nome, no número 17 da rúa da Senra, onde viviu; o número 41 da rúa de Vilar, onde morreu a súa nai, ou a Casa da Conga, onde naceu unha das fillas da escritora. Para participar no paseo guiado pola xeografía rosaliana de Compostela é preciso inscribirse remitindo un mail á dirección teatroprincipal@santiagodecompostela.gal.

No apartado musical, un dos actos centrais da Semana de Rosalía en Compostela será o concerto que Amancio Prada ofrecerá na igrexa de San Fernando o sábado 23 de febreiro. O recital, organizado polo Concello, será con entrada de balde, previa retirada do convite no Centro Cívico do Ensanche. Amancio Prada empezou a cantar os temas de Rosalía de Castro nun disco publicado en 1975, e dende entón non deixou de interpretar os seus versos.

Na Semana de Rosalía en Compostela tamén haberá música para as nenas e os nenos. Así, Uxía ofrecerá un concerto o sábado 23 de febreiro no Centro Cívico Aurelio Aguirre de Conxo, para presentar o seu traballo Rosalía Pequeniña, O concerto comezará ás 12:00 horas e a entrada será libre ata completar aforo. Ao día seguinte, o domingo 24, Larraitz Urruzola estará no Centro Cívico do Ensanche con A Viaxe de Rosalía. Trátase dun espectáculo de monicreques deseñado para dar a coñecer a vida e tamén a obra de Rosalía de Castro entre os máis novos. Será tamén ás 12:00 horas e con entrada libre.

Promoción turística
Tamén dende Turismo de Santiago están previstas dúas accións dentro da Semana de Rosalía en Compostela. Dunha banda, as persoas que visiten a oficina de información da rúa do Vilar recibirán un paquete de agasallo con folletos informativos da pegada de Rosalía en Santiago e da Ruta Rosaliana, que inclúe os lugares rosalianos dos concellos de Ames, Brión e Padrón. O pack tamén inclúe adhesivos, chapas e unha bolsa coa imaxe da escritora. Tamén haberá un agasallo sorpresa para as primeiras 50 visitas, e na oficina de Turismo colocarase un photocall para que calquera poida facerse fotos na compaña da autora.

Dende Turismo de Santiago tamén se organiza, xunto coa Concellaría de Igualdade, o chamado "Café con verso no Día de Rosalía", o propio 24 de febreiro. A iniciativa desenvolverase nos establecementos de hostalería adheridos a proxectos municipais como Territorio das Mulleres ou #GalegoEmpresas, que entregarán aos clientes un verso de Rosalía pola consumición do café. As tarxetas deseñadas, inclúen ata dez versos diferentes da autora. Os establecementos participantes son Cafetería do Hotel AC Palacio del Carmen, Cafetería Blu, Café Xardín Costa Vella, Curro da Parra, Celme do Caracol, Lusco & Fusco, La Flor, Cambalache, Café Literarios, Medusa, Café de Altamira, Cuchara do Villar (Hotel Rúa Villar) e A Nave de Vidán.

Día de Rosalía
A xornada central da Semana de Rosalía en Compostela será a do 24 de febreiro, día do nacemento da escritora. A axenda do día arrancará na praza de Vigo ás 11:00 horas, cando está prevista unha ofrenda floral diante da escultura dedicada a Rosalía. Alí haberá a interpretación dunha alborada, a cargo dos Carapaus e dos gaiteiros e gaiteiras que queiran sumarse á iniciativa.

Posteriormente celebrarase unha segunda ofrenda floral na estatua de Rosalía na Alameda. Dende alí, todas as persoas participantes na actividade dirixiranse cara o Hostal dos Reis Católicos, onde ás 12:00 horas se celebrará unha ofrenda floral na pía bautismal de Rosalía, e posteriormente haberá un acto institucional no que se dará lectura a poemas da autora. Tamén haberá unha actuación musical do grupo portugués Canto d´Aquí, e unha representación teatral cun grupo de escolares de Ponteceso. O acto pecharase coa interpretación da Alborada de Rosalía e coa degustación do caldo de gloria no Hostal.

Xa pola tarde, a partir das 17:00 horas, está previsto un acto no Auditorio da Casa de Rosalía, en Padrón, cun concerto de Canto d´Aquí co que se pechará a Semana Cultural de Convergencia Galicia-Portugal. A partir das 19:00 horas haberá unha degustación do caldo de gloria na lareira da Casa da Matanza.

Documentos relacionados



Compartir: