XUNTA DE GOBERNO

O Goberno acorda resolver o contrato para a construción dunha área de servizo na Rocha

18/01/2019 A Xunta de Goberno acordou hoxe resolver o contrato que o Concello mantiña con Repsol para a construción e xestión dunha área de servizo na Rocha, e outorgarlle á empresa un prazo de dez días hábiles para formular as alegacións que considere oportunas. O alcalde, Martiño Noriega, explicou que o contrato foi formalizado en 1999, e dende entón non se deron os pasos necesarios para darlle cumprimento ao acordo.

O contrato con Repsol foi subscrito en 1999, atendendo ao Plan Especial da área de servizo da Rocha aprobado polo Pleno da Corporación en 1992. O acordo sinalaba que Repsol debera asumir o financiamento da totalidade das obras, así como a obtención dos terreos necesarios a través da súa expropiación, que desenvolvería o Concello. O alcalde explicou que "dúas décadas despois da sinatura do acordo, e vendo o seu incumprimento, o Goberno opta por resolver o acordo, e tamén ten a intención de, a medio prazo, modificar o PXOM para que neste ámbito non se poida construír unha estación de servizo como estaba previsto". Martiño Noriega apuntou que os terreos reservados para a gasolineira "poderían estar afectados polo protocolo de actuación dos Camiños de Santiago que o Concello ten asinado coa Xunta, xa que se atopa no ámbito do Camiño Portugués".

Zona de residentes
Na Xunta de Goberno de hoxe tamén se aprobou unha nova modificación relativa á zona de residentes de Pelamios - Vista Alegre. Neste caso, o cambio aféctalle á veciñanza residente nos números 42, 44 e 46 da avenida de Castelao, que deixan de estar incluídos na zona de residentes de Vite - Guadalupe para formar parte da zona de residentes de Pelamios - Vista Alegre. A decisión responde a unha petición da comunidade afectada, próxima á rúa das Salvadas.

Solicitude de subvencións
O Goberno acordou hoxe solicitar dúas subvencións á Consellería de Economía, Emprego e Industria para a contratación de persoas desempregadas. Por unha parte solicitaranse preto de 370.000 peros para a contratación temporal de persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras da RISGA. Serán, en concreto, 29 persoas as que poida contratar o Concello de percibir esa axuda autonómica. Por outra parte, solicítanse 10.600 euros para a contratación de dous socorristas para as praias fluviais de Chaián e O Refuxio, por un prazo de tres meses.

Outros acordos
A Xunta de Goberno tamén resolveu hoxe a convocatoria de residencias de creación e estadías técnicas para proxectos de artes escénicas na Sala Agustín Magán de Santa Marta. Desta vez, o espazo será utilizado polas compañías La Vela, Producións Teatrais Excéntricas, La Incidente e ACUSMASER.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: