EMPREGO

Máis de mil persoas inscritas e 360 ofertas de traballo en Talentia 2018

13/11/2018 Esta mañá botou a andar, no Palacio de Congresos, o espazo aberto polo emprego Talentia 2018. No evento están inscritas 1.150 persoas, e xestionaranse 360 postos de traballo. O alcalde, Martiño Noriega, e a concelleira de Emprego, Marta Lois, encabezaron esta mañá unha visita institucional ao espazo.

Talentia 2018 nace co obxectivo de "coñecer as claves do mercado laboral, ampliar os coñecementos sobre as actuais demandas das empresas e traballar as ferramentas e competencias requiridas para a inserción laboral" . A concelleira de Emprego, Marta Lois, recoñeceu que "se están a cumprir as expectativas, tanto en número de asistentes como en ofertas de traballo xestionadas". A edil salientou que "Talentia 2018 é dar un paso máis adiante, para reflexionar sobre o talento dos homes e mulleres que están en situación de procura de emprego". Nesa liña, ao abeiro do espazo de emprego estanse a desenvolver as xornadas "Oportunidades para o talento e a creación de emprego nas economías locais".

Catro espazos
Talentia 2018 concíbese coma un evento para o encontro, o diálogo e a reflexión sobre proxectos no ámbito do emprego en Santiago de Compostela, que se estrutura en diferentes espazos interrelacionados polo talento:

- Conecta o teu talento. No marco de Talentia 2018 está previsto xestionar 360 ofertas de emprego. Ademais, das propias ofertas publicadas na Axencia Local de Colocación, haberá empresas que realizarán os seus procesos de selección no propio Palacio de Congresos, tanto a través de entrevistas individuais como de dinámicas grupais. A intermediación laboral será realizada polo persoal técnico da Axencia Local de Colocación, nun labor que se mantén ao longo de todo ano.

- Certifica o teu talento. Talentia é tamén un espazo para a obtención de acreditacións relacionadas con oficios e con competencias dixitais, así como para o desenvolvemento de diversas actividades que contribuirán ao desenvolvemento das competencias para o emprego das participantes.

- Proxecta o teu talento. As persoas participantes poden participar en obradoiros que lles permitan reforzar os seus talentos, así como en sesións de mentoring individual e grupal con profesionais e expertos/as de diversos sectores.

- Descubre o futuro do teu talento. Diversas empresas presentan os seus programas de captación, acollida e retención do talento, así como información sobre os perfís profesionais máis demandados e as características dos seus procesos de selección.

Talentia toma o relevo dos foros de emprego que se viñan impulsando en anos anteriores dende o Concello, e que dende 2010 conseguiron xestionar case 150 postos de traballo e contar con mil participantes. Este ano, incrementouse notablemente o número de empregos xestionados dende o foro.

Direccións relacionadas



Compartir: