DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO

A Xornada Profesional da Maker Faire Galicia acolle o mellor da Industria 4.0

13/11/2018 A Maker Faire Galicia, a maior feira de inventores e inventoras, dedica por segundo ano consecutivo unha xornada dirixida unicamente ao sector profesional, na que contará con referentes a nivel internacional no ámbito da innovación. A cita terá lugar na mañá do 23 de novembro, de 9:00 a 16:00 horas, no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura.

A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento e Turismo, Marta Lois, intervirá na apertura desta xornada, coa que se inaugura de maneira oficial a edición 2018 da feira. No acto tamén participarán o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde; a directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, e Matilde Rodríguez, co-organizadora da Maker Faire Galicia.

Charlas e mesas de debate que versan sobre a tecnoloxía, o design thinking ou a innovación no ámbito da robótica e a ciencia conforman o groso dunha programación na que destacan, entre outros, os relatorios de Gael Langevin, creador do primeiro robot humanoide de código aberto; Stiven Kerestegian, xefe de Innovación e Estratexia do CIID (Copenhagen Institute of Interaction Design), ou Zoe Powell, deseñadora téxtil especializada na creación de bioplásticos e membro de Materiom. Zoe formará parte dunha mesa de debate sobre a importancia da tecnoloxía para redeseñar o mundo, na que tamén participará Gianluca Pugliese, da empresa Wasp, a cal creou unha impresora 3D capaz de imprimir casas por menos de 1.000 euros. No eido científico, Carmen Álvarez, licenciada e doutora en Farmacia pola Universidade de Santiago de Compostela, falará sobre os avances da bioimpresión nunha charla na que estará acompañada por responsables de REGEMAT, empresa española especializada na impresión 3D de tecidos biolóxicos.

Ademais, para esta xornada profesional, a organización seleccionou os 10 proxectos máis innovadores desenvolvidos por Makers, na súa maioría de Galicia, que terán a oportunidade de presentar as súas creacións ante un xurado profesional que elixirá os tres mellores. O acto rematará coa entrega de premios e unha comida networking para participantes e asistentes a cargo de O Fogar do Santiso.

Os profesionais interesados en asistir como público a esta xornada poderán inscribirse na páxina web do evento, galicia.makerfaire.com, onde teñen habilitado un formulario no cal, tras cubrir os seus datos, poderán conseguir a súa acreditación.

Para esta edición, a Maker Faire Galicia volve contar co patrocinio da Fundación Cidade da Cultura de Galicia e do Concello de Santiago a través do programa Compostela Móvese. Tamén colabora co evento a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía – Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.

Compartir: