ALCALDÍA

Volve "Compostela Ilustrada", coa presenza de máis dunha ducia de artistas que retratarán a natureza urbana da cidade

15/10/2018 Javier Mariscal, Ana Luisa Frazao, Juan Linares, Carlos Silvar ou Joaquín González Dorao. Son algúns dos debuxantes que participarán no III Encontro Internacional de Cadernos de Viaxe Compostela Ilustrada, que se celebrará do 8 ao 11 de novembro baixo o lema "Natureza urbana". O alcalde, Martiño Noriega, presentou hoxe o programa, nunha rolda de prensa na que estivo acompañado polo director do encontro, Miguelanxo Prado; a coordinadora das Xornadas de Ilustración, Gemma Sesar, e a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín.

O alcalde mostrou "o orgullo do Concello porque na súa terceira edición o Encontro Internacional de Cadernos de Viaxe é xa unha proposta consolidada e cada ano máis agardada na cidade". Martiño Noriega salientou a contribución do evento "á proxección turística de Compostela, pola propia programación e porque todos os seus participantes convértense en embaixadores da nosa cidade coa súa obra". De entre eles, o rexedor destacou "ao propio Miguelanxo Prado, alma mater deste encontro, responsable primeiro da gran proxección que está acadando, e responsable tamén en boa medida de que a afección ao debuxo siga medrando no noso país". Ademais, Martiño Noriega incidiu en que "nesta edición do Compostela Ilustrada os artistas convidados mostrarán as zonas verdes da cidade, un dos nosos símbolos de identidade"

Xornadas de Ilustración Urbana
No programa deste ano adquiren especial importancia as Xornadas de Ilustración Urbana, que se desenvolverán nos días 9 e 10 de novembro e que serán moderadas por Miguelanxo Prado. Nelas haberá conferencias e os chamados "Obradoiros con merenda".

Na primeira das xornadas están previstas tres conferencias, a cargo de Maru Godas, Alicia Aradilla e Carlos Silvar. Haberá tamén dous "Obradoiros con merenda", un de mandalas con Nanda Cabaleiro, e outro sobre ilustración da natureza, con Ana Moreiras. Ao día seguinte, as conferencias correrán a cargo de Javier Mariscal, Urumo e Celia Burgos. En canto aos obradoiros, o primeiro deles será con Jaiver Vallés, baixo a denominación de "Origami en aire urbano", e o outro abordará o tema da máscara e o personaxe, dirixido por Pablo Otero.

Nas xornadas tamén participará a artista Catalina Rodríguez, coñecida como Catalamitad, que realizará en directo un mural co título "Ananda"

Debuxando a cidade
Na terceira edición de Compostela Ilustrada participarán ata dez coñecidos ilustradores e ilustradoras, que retratarán diferentes espazos da cidade. Na primeira sesión, no 8 de novembro, participarán Ana Luisa Frazao, que debuxará o río Sarela no Carmen de Abaixo; Joaquín González Dorao, no Pub Momo; e Isabel Carmona, que debuxará o Xardín das Pedras que Falan

Na segunda e na terceira xornada do Encontro participarán Javier Mariscal, que debxará a vista das Hortas e da Alameda desde a terraza do Pazo de Raxoi; Maru Godas, na Colexiata e nas Brañas de Sar; Miguelanxo Prado, que estará no Pazo de San Lourenzo; e Urumo, no Parque de San Domingos de Bonaval. No programa de Compostela Ilustrada aparecen tamén Carlos Silvar, que debuxará no Museo de Historia Natural; Juan Linares, que estará na Finca do Espiño; Celia Burgos, na Alameda; Joaquín González Dorao, no Parque de Belvís; e Alicia Aradilla, que recollerá o Parque de Vista Alegre.

O Encontro pecharase, no domingo 11 de novembro, cunha gran quedada para debuxar na Alameda.

Exposicións e presentacións
No marco do III Encontro Internacional de Cadernos de Viaxe están previstas tamén dúas exposicións. A primeira delas servirá para inaugurar o evento, na Galería Sargadelos. Trátase da mostra "Unha ollada natural", do ferrolán Carlos Silvar. O ilustrador é coñecido polo seu traballo nas guías da natureza de Galicia, e na exposición poderanse ver vinte cadros que mostran a nosa biodiversidade a través de aves, mamíferos, anfibios, plantas ou árbores. A segunda das mostras permitiranos ver, no Museo das Peregrinacións, "O Camiño de Santiago debuxado", de Joaquín González Dorao.

En canto ás presentacións, están programadas tres. Javier Mariscal presentará a súa obra "Los Garriris" na Libraría Couceiro; e Ana Luisa Frazao e Nanda Cabaleiro estarán na Libraría Lila de Lilith para falar do seu libro "O camiño urbano". Miguelanxo Prado tamén presentará un libro no marco dos Encontros Internacionais de Cadernos de Viaxe, "Valdeorras". Será no espazo enocultural Vide Vide.

Compartir: