FESTAS

A Banda Municipal de Música celebra no Apóstolo o seu 170 aniversario

19/07/2018 A Banda Municipal de Música de Santiago vai ofrecer ata catro concertos nas festas do Apóstolo, nas que vai celebrar novamente o seu 170 aniversario. En dúas das súas actuacións, a formación que dirixe Casiano Mouriño farase acompañar polas agrupacións de baile e música tradicional de Compostela e pola Gallaecia Big Band.

A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, presentou hoxe os concertos da Banda, nunha rolda de prensa na que tamén participou o director da formación, Casiano Mouriño. Novoneyra explicou que "as festas do Apóstolo son unha boa oportunidade para reivindicar a nosa Banda no seu 170 aniversario, e para contribuír ao obxectivo de seguir procurando novos públicos". A concelleira tamén valorou positivamente "as grandes colaboracións da formación con outras entidades, demostrando a súa capacidade de adaptarse a diferentes estilos e diferentes repertorios".

Concerto coas agrupacións tradicionais
O primeiro gran concerto da Banda Municipal de Música no marco do Apóstolo terá lugar o próximo domingo, na praza da Quintana. A formación estará acompañada polas catro agrupacións tradicionais máis arraigadas en Compostela: Cantigas e Agarimos, Brincadeira, Ultreia e a Colexiata de Sar. Ademais, participará a agrupación de Cabezudos que, segundo explicou Casiano Mouriño, "nas súas orixes tamén saía ás rúas acompañada pola Banda".

O director da Banda explicou que o concerto estará presentado por Xurxo Souto, que exercerá de fío condutor nun repertorio que percorrerá os 170 anos de historia da formación. Casiano Mouriño apuntou que cada unha das agrupacións tradicionais participará no concerto con diferentes tipoloxías: Ultreia farao coa súa charanga, a Colexiata de Sar co grupo tradicional, Brincadeira con baile, grupo tradicional e pandeireteiras, e Cantigas co coro e co grupo tradicional de gaitas.

Gallaecia Big Band
O xoves 26, a Banda Municipal ofrecerá outro concerto, na praza de Praterías e acompañada pola Gallecia Big Band. Casiano Mouriño salientou que "é a primeira vez que a Banda colabora cunha formación deste tipo, integrada por vento, percusión e piano". Ademais, haberá dúas voces no concerto, as de Pati Lesta e Narci Rodríguez.

O director da Banda Municipal de Música explicou que a Banda ofrecerá aínda outros dous concertos durante as festas do Apóstolo: a do tradicional Día de Padrón en Santiago, o venres 27, e o recital do domingo na rúa do Vilar, desta vez con repertorio integramente galego.

Compartir: