POLÍTICAS SOCIAIS

Santiago súmase á conmemoración do Día Mundial das Persoas Refuxiadas

20/06/2018 Este 20 de xuño conmemórase o Día Mundial das Persoas Refuxiadas, unha data instaurada desde 2001 a partir dunha Resolución da Asemblea Xeral de Nacións Unidas. O Concello de Santiago celebrou un grande acto reivindicativo na praza do Obradoiro, ao que se sumaron representantes dos concellos de Ames e Teo, e das entidades sociais que traballan coas persoas refuxiadas.

O acto de conmemoración do Día Mundial das Persoas Refuxiadas, impulsado dende a Concellaría de Políticas Sociais, estivo presidido pola alcaldesa en funcións, María Rozas. Ademais, interviron a concelleira Concha Fernández, e Fadile Chami, unha muller siria afincada en Galicia. Ata a praza do Obradoiro achegáronse ademais representantes de Médicos do Mundo, Cruz Vermella, Unicef, a Coordinadora Galega de ONGs, a Fundación Ronsel, e o Foro Galego Inmigración. No acto tamén se puido escoitar a música da zanfoña de Ariel Ninas e a voz de Alba María.

Durante a súa intervención, a alcaldesa en funcións incidiu en que "o 20 de xuño non é un día para celebrar, senón para reivindicar, porque máis de 65 millóns de persoas en todo o mundo teñen que abandonar os seus países, e mesmo ás súas familias, para garantiren a súa supervivencia". María Rozas lamentou que "os países da Unión Europea non teñan cumprido os seus compromisos de acollida nos últimos anos", e mostrou o seu desexo de que "o recente caso de Aquarius e a decisión do Estado español de permitir desembarcar en Valencia aos seus 629 ocupantes sirva de exemplo para Europa e marque o camiño a seguir no futuro inmediato dentro do propio Estado". A alcaldesa en funcións lembrou tamén o compromiso adquirido polo Concello de Santiago para colaborar na acollida destas persoas "dentro das escasas competencias que teñen as administracións locais, e poñendo ao seu dispor os instrumentos dos que nos temos dotado, como a Ordenanza de Garantía Básica Cidadá, que non entende de persoas irregulares, porque as persoas deben ser só persoas".

No nome das persoas refuxiadadas, no acto interviu Fadile Shami, unha muller siria que vive en Galicia e que forma parte da rede Galega de Apoio ás Persoas Refuxiadas. Segundo explicou "o sistema de acollida da Unión Europea, e por iso as persoas nesta situación se dirixen directamente aos concellos, aos que hai que agradacerlles o seu apoio". Fadile Shami aproveitou para reclamar que "todos os concellos galegos mostren a colaboración que están a mostrar Santiago, Ames ou Teo, e apoien ás persoas refuxiadas, pero tamén ás persoas sen papeis".

Cidade de Acollida
A concelleira de Políticas Sociais salientou que "este acto é froito de dúas declaracións institucionais aprobadas polo Pleno da Corporación, polas que Santiago se adheriu á Rede de Cidades Refuxio e acordou colaborar coa Rede Galega de Apoio ás Persoas Refuxiadas". Concha Fernández tamén incidiu na colaboración intermunicipal cos concellos de Ames e Teo, co obxectivo de "darlle a mellor acollida posible e atender as necesidades das persoas refuxiadas".

Despois do acto na Praza do Obradoiro, a concelleira presidiu unha mesa de traballo con todas as entidades, na que se aprobou un comunicado no que se esixe a "os estados europeos, as comunidades autónomas e os concellos para que definan políticas coherentes e coordinadas que permitan unha acollida e unha integración real e efectiva das persoas que foxen dos conflitos e persecucións".

Compartir: