TURISMO

A praza de Mazarelos celebra San Xoán con música, gastronomía, obradoiros e o lume sagrado do Pico Sacro

19/06/2018 A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, e a xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil, presentaron o programa da terceira edición do programa festivo de Turismo de Santiago para potenciar o atractivo turístico da noite de San Xoán na cidade, que se celebrará a fin de semana do 22 ao 24 de xuño na praza de Mazarelos.

O obxectivo deste festival é aproveitar a gran tradición que teñen as festas de San Xoán na cidade, con multitude de cacharelas por todo o termo municipal e unha implicación veciñal moi importante, e así potenciar o seu atractivo turístico, tanto para o mercado doméstico coma internacional.

O evento arrancará a tarde do venres 22, completando a programación que artellarán para o día de San Xoán os distintos colectivos, barrios e asociacións da cidade, enriquecéndoa con multitude de actividades gratuítas que se prolongarán ata o domingo 24 para festexar a chegada dos días máis longos do ano.

A praza de Mazarelos, como nas dúas edicións anteriores, será o punto central do evento. Na praza instalarase un mercado tradicional, unha área gastronómica para desfrutar dos produtos típicos desta arraigada festa, concertos e clases de baile tradicional e un espazo para os máis cativos. Ademais, celebraranse actividades e obradoiros interxeracionais para a posta en valor das tradicións de San Xoán.

O venres 22, ás 22:00 horas, partirá da Alameda unha comitiva co lume sagrado do Pico Sacro, que percorrerá as rúas do Casco Histórico ata a praza de Mazarelos, onde o día seguinte as persoas e entidades interesadas poderán empregalo para acender as súas cacharelas. Esta actividade está organizada pola Asociación do Castro da Fervenza de Callobre e conta coa colaboración do Concello de Boqueixón. Unha vez chegue a comitiva a Mazarelos, arredor das 22:30 haberá unha sesión de contacontos especial con Soledad Felloza sobre contos de San Xoán.

Na tarde e na noite do 23, o tren turístico circulará de novo de balde para fomentar a mobilidade entre as cacharelas da cidade, tanto da veciñanza de Santiago como de turistas e visitantes. O tren turístico sairá ás horas en punto dende o CGAC con paradas na avenida de Castelao, Burgo das Nacións, Carballeira de San Lourenzo e avenida de Xoán Carlos I.

O Festival de San Xoán rematará a noite do 24 logo dunha tarde completa de actividades, que inclúen un obradoiro de aturuxo, percusión e canto tradicional; demostracións de baile galego: "o solto" (xota e muiñeira), con Rebeca Tallón e Xacobe Varela; un obradoiro de elaboración de queimada e un concerto de Tanxugueiras, para rematar ás 23:00 horas cun conxuro con degustación gratuíta de queimada.

Direccións relacionadas



Compartir: