XUNTA DE GOBERNO

Adxudicadas as obras do estacionamento público da avenida de Ferrol

20/04/2018 A Xunta de Goberno adxudicou este venres as obras do aparcadoiro público en superficie da avenida de Ferrol, ao que se van destinar algo máis de 95.000 euros. A actuación correra a cargo da empresa Arines.

As obras do aparcadoiro da avenida de Ferrol terán un prazo de execución de tres meses. O alcalde, Martiño Noriega, lembrou que "o acondicionamento desta zona de estacionamento é unha demanda da veciñanza e do comercio de Conxo" e explicou que "o Concello aproveitará a parcela que estaba reservada para a construción do novo centro de saúde do barrio, unha actuación que non está nos plans inmediatos da Consellería de Sanidade".

O aparcadoiro terá entre 55 e 75 prazas, distribuídas previsiblemente en catro filas de estacionamento con dúas rúas interiores paralelas entre sí. As súas cabeceiras serán axardinadas. O acceso rodado ao aparcadoiro producirase dende o punto máis afastado do cruce da avenida de Ferrol e a rúa de Conxo de Arriba, e o acceso peonil farase a través dun camiño adaptado dende a pequena praza fronte á rúa de Sánchez Freire ata o paso de cebra da rúa de Conxo de Arriba.

Subvencións
Na Xunta de Goberno de hoxe deuse conta da subvención concedida pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para a dotación de novidades editoriais en galego para as bibliotecas públicas. A axuda, destinada á biblioteca José Saramago, será dalgo máis de 3.000 euros.

Relacionado tamén coa rede de Centros Cívicos, a Xunta de Goberno deu conta dos espectáculos da Rede Cultural 2018 que a Deputación da Coruña lle concedeu ao Concello de Santiago. Trátase dun programa que terá un custo total de 21.336 euros, dos que a Deputación achegará 6.400. O resto correrá a cargo do Concello.

Por último, o Goberno deu conta da concesión, por parte do Secretariado do programa europeo Urbactdunha axuda de 72.150 euros para a Tropa Verde. Trátase dunha subvención vinculada á elección deste proxecto para liderar unha das redes de transferencia do programa Urbact.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: