XUNTA DE GOBERNO

Aprobada a inclusión na EDUSI do proxecto para a dotación de infraestrutura TIC para a Administración Electrónica

19/01/2018 A Xunta de Goberno acordou hoxe seleccionar, para a súa inclusión na EDUSI, o proxecto de infraestrutura TIC para a administración electrónica, de cara á súa tramitación ante o Ministerio de Facenda. Esta liña de traballo suporá un investimento total de 1,2 millóns de euros en cinco eixes: portal web e intranet municipal, infraestrutura de telecomunicacións, infraestrutura de servidores, postos de traballo informatizados para a administración electrónica e sistema de dixitalización certificada e xestión documental.

O concelleiro Xan Duro, encargado de dar conta hoxe dos acordos da Xunta de Goberno, lembrou "a decidida aposta que ven facendo o Goberno pola modernización da administración municipal, que ao tempo facilitará tamén os retos da transparencia e o bo goberno". Nesa liña, xa está iniciado o procedemento de adxudicación da plataforma da administración electrónica, financiada con fondos propios, e que para a súa implantación precisará da infraestrutura TIC que se incorpora á Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado.

Cinco liñas de traballo
O edil de Medio Ambiente, Convivencia e Informática explicou que a operación que se incorpora á EDUSI conta con cinco liñas de traballo. A primeira está relacionada coa posta en marcha dun novo portal web e dunha intranet municipal, á que se destinarán 150.000 euros, e que estará "concibida como unha plataforma única que recolla todos os servizos e información relevante tanto para o funcionamento interno do Concello como para a cidadanía". En segundo lugar, contémplase a implantación dunha nova infraestrutura de telecomunicacións, cun orzamento de 275.000 euros, e que permitirá habilitar ata 70 puntos wifi unificados na institución municipal.

A terceira das medidas incorporadas ao proxecto é o subministro dunha nova infraestrutura de servidores, á que se destinarán 190.000 euros, co obxectivo de "garantir a capacidade que precisará o Concello de Santiago para as novas aplicacións que se irán implantando". Por último, prevese a renovación dos postos de traballo informatizados para a plataforma da administración electrónica, cun investimento de 525.000 euros; e a posta en marcha dun sistema de dixitalización certificada e xestión documental que custará 60.000 euros.

Vía Verde
Na Xunta de Goberno de hoxe tamén se deu conta da sinatura do convenio entre os concellos de Santiago, Oroso, Ordes, Tordoia e Cerceda e a Deputación da Coruña, para o financiamento da redacción do proxecto da Vía Verde. Xan Duro aproveitou a rolda de prensa para explicar que onte aproveitou a súa presenza en Madrid para manter unha reunión coa Fundación Ferrocarriles Españoles, responsable do programa da Vía Verde.

O encontro, ao que tamén asistiron o alcalde de Oroso, Manuel Mirás, e o deputado provincial Antonio Leira tiña como obxectivo "ultimar os detalles de cara á actualización do proxecto, que requirirá un prazo de catro meses". Xan Duro incidiu nos beneficios da Vía Verde "no aspecto turístico pero tamén como instrumento de vertebración da zona verde de Santiago". O concelleiro explicou que o obxectivo último é "conectar a Vía Verde coas sendas do Sar e do Sarela, e tamén coa futura intermodal".

Documentos relacionados



Compartir: