EDUCACIÓN E CIDADANÍA

O Concello celebra o Día da Paz cun concerto da Escola Municipal de Música

18/01/2018 O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, presentou as iniciativas relacionadas co Día da Paz e a Non-Violencia, que se celebra o vindeiro 30 de xaneiro. Entre os actos que se programarán para ese día figura o concerto da Escola Municipal de Música. O concerto será ás 19:00 horas no Auditorio da propia Escola (Finca de Vista Alegre) e será dirixido por Fernando Rey.

Manuel Dios lembrou que o Concello de Santiago leva moitos anos sumándose a esta celebración, que coincide co asasinato do líder nacional e espiritual da India, Mahatma Gandhi, en 1948. Ese ano tamén se aprobou a Declaración Universal dos Dereitos Humanos, tal e como lembrou o concelleiro de Educación.

Os actos dan comezo ás 10.30h da mañá e na escola de Meixonfrío-Salgueiriños "desenvolveremos un programa para crear unha paisaxe da paz, con música de saxofonistas da Escola Municipal de Música". Os pais e nais lerán unha serie de desexos pola paz e un manifesto que precederá a un espectáculo de solta de pombas coa colaboración do Club Colombófilo "Alas pola paz". Neste acto estarán convidados tanto o alumnado das escolas como as súas familias.

A segunda das actividades consistirá nun Pleno Infantil con 29 alumnos e alumnas do Colexio de Vite e que se celebrará no propio Salón de Plenos do Pazo de Raxoi a partir das 12.30h.

A última das actividades programadas será un concerto no Auditorio da Escola Municipal de Música dirixido polo seu director Fernando Rey. Será a partir das 19.30 horas e interpetaranse varias pezas ata rematar co Himno á Alegría de Beethoven.

Para Manuel Dios, a celebración do Día Escolar para a Paz "ten que consolidarse durante todo o ano e non só nunha data". O concelleiro defende que "a educación nos valores cívicos e democráticos empezan na casa e segue na escola".

Día da Paz
O Día Escolar da Non-Violencia e da Paz foi fundado en 1964 polo poeta e pacifista maiorquín Llorenç Vidal. É definida como unha xornada educativa de pacificación, co fin de levar ao alumnado a través da reflexión persoal, ao descubrimento da mensaxe fundamental de que "o amor é mellor que o odio, a Non-violencia mellor que a violencia e a paz mellor que a guerra".

Documentos relacionados



Compartir: