ALCALDÍA E TURISMO

O alcalde avanza en Fitur os catro grandes retos do turismo de cara ao 2022

18/01/2018 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, avanzou en Fitur as liñas estratéxicas que está a desenvolver o Concello de Santiago en materia turística de cara aos vindeiros anos, coa mira posta no 2022 . No seu discurso explicou os motivos de elixir este ano como referencia xa que "non é que non nos preocupe o vindeiro Ano Santo 2021, pero si que nos preocupa máis 2022 dende a perspectiva de que vai pasar despois do gran ano que será o 2021, por iso a nosa proposta de Plan Estratéxico non se enfoca ao Ano Santo senón que se fixa no 2022".

Santiago é un destino turístico consolidado que experimentou nos últimos anos un incremento no número de visitantes convertindo o 2017 nun ano récord. Alcanzáronse 1.450.000 pernoctas, 2.600.000 pasaxeiros e pasaxeiras no aeroporto e superáronse os 300.000 peregrinos e peregrinas. "Con estes resultados na man", indica Noriega, "toca afrontar unha serie de retos que se terán que basear na gobernanza do turismo e que nos permian dar un novo salto para aproveitar o potencial turístico da nosa cidade en beneficio de toda a cidadanía".

Retos 2022
O alcalde avanzou en Fitur os retos marcados a medio prazo, que coinciden co recollido no Plan Estratéxico de Turismo. Este documento, sobre o que se traballou arreo durante o 2017, será presentado a principios de febreiro no Consello Municipal de Turismo.

Dentro dos retos do turismo de Compostela, o alcalde destacou catro eixos como son "a descentralización, coa mellora dos fluxos turísticos na propia cidade anticipándonos á masificación; a desestacionalización, coa captación de novos fluxos turísticos nos meses de menor demanda; a xentrificación, combatindo o fenómeno da despoboación da cidade histórica e a sustentabilidade, baixo os criterios de innovación e excelencia".

Avanzou tamén o rexedor que "temos a vontade de continuar a traballar no destino internacional do aeroporto como gran polo de atracción do tráfico aeroportuario de Galicia e a consolidación de grandes aeroliñas".

Eventos para o 2018
Martiño Noriega informou tamén dos grandes eventos sobre os que está a traballar o goberno local para este 2018 e que suporán un retorno económico cercano aos 5 millóns de euros. Entre eles atópanse a celebración do mundial de xadrez no mes de novembro, grandes concertos que haberá en espazos da cidade como o Multiúsos do Sar ou un evento deportivo de primeiro nivel, como é a Supercopa de España de Baloncesto "que imos intentar traer para Compostela".

A maiores farase un impulso do Camiño Kumano aproveitando o 150 aniversario das relacións diplomáticas entre España e o Xapón coa posta en marcha dun pasaporte dual. Tamén se continuará co traballo feito no impulso do turismo de congresos, "sobre todo nos meses de menor demanda da cidade" e que suporán a chegada de arredor de 8.000 persoas á cidade".

Ademais marcou tamén como reto seguir a impulsar o aeroporto de Santiago e "continuar traballando no destino internacional do aeroporto como gran polo de atracción do tráfico aeroportuario de Galicia e a consolidación de grandes aerolíñas." Un exemplo sería a compañía Lufhtansa, que sigue a apostar polo aeroporto compostelano.

Convenio con Renfe
No marco de Fitur tamén se asinou a prórroga do convenio entre o Concello e Renfe para a promoción da cidade. As dúas institucións, xunto coa Asociación Provincial de Empresarios da Restauración e Hospedaxe de Santiago. estenderán durante 2018 accións conxuntas para promocionar o turismo e o uso do tren como medio de transporte.

Compartir: