EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Amplíase o prazo de inscrición no Programa de Conciliación de Nadal

18/12/2017 O Concello de Santiago vén de ampliar o prazo para a inscrición no Programa Municipal de Conciliación para este Nadal 2017, organizado polo Departamento de Educación e Cidadanía. As actividades desenvolveranse no CEIP As Fontiñas, no que aínda quedan prazas vacantes.

Este programa concíbese como un espazo educativo e de promoción do lecer, ademais de ser unha alternativa de conciliación para as familias no tempo de vacacións do Nadal. Está dirixido a nenos e nenas con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos. As actividades desenvolveranse os días 22, 26, 27, 28, 29 de decembro de 2017, e 2, 3, 4 e 5 de xaneiro de 2018 no CEIP As Fontiñas, debido a que non se alcanzou o mínimo requirido para a realización do programa nos dous centros previstos inicialmente.

Poden participar nenos e nenas empadroados no Concello de Santiago de Compostela ou que cursen estudos en centros de educación infantil e primaria de Santiago de Compostela, con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos. Teñen a opción de escoller entre participar todos os días do programa ou en días soltos.

A inscrición realizarase a través Rexistro Xeral do Concello de Santiago (rúa Presidente Salvador Allende, 4), cubrindo o formulario dispoñible nesta web, no Departamento de Educación e Cidadanía ou nos propios rexistros. A admisión será por rigorosa orde de inscrición.

O horario será de 9:00 a 16:00 horas sen servizo de madrugadores debido a que non se alcanzou o mínimo de inscricións. De 9:00 a 14:00 horas realizaranse os obradoiros e actividades e, entre as 14:00 e as 16:00 horas, existe a posibilidade de solicitar o uso do servizo de comedor.

Dentro do programa intercalaranse actividades lúdicas deportivas xogos e obradoiros que xirarán entorno o eixo temático "A viaxe do Nadal", no que os participantes poderán coñecer as tradicións de Nadal dos distintos países, favorecendo un enfoque intercultural e de fomento dos valores da igualdade, respecto, tolerancia ou educación para a paz.

Modalidades e descontos
Este programa de conciliación ofrece diferentes posibilidades para as familias, que poden escoller entre varias modalidades: completa, de 9:00 a 16:00 horas, con servizo de comedor e actividades e de só de actividades, de 9:00 a 14:00 horas. Poderanse escoller tamén días soltos.

Os prezos dependerán da modalidade elixida, con descontos do 20% nos prezos sempre que acrediten ser familia numerosa e que participen dous irmáns da mesma familia. No caso das familias con escasos recursos estableceranse reducións do 50% ou do 100%. Para optar a estas reducións, as familias deberán contar co informe previo do Departamento de Servizos Sociais, que será o que determine a porcentaxe de desconto a aplicar.

Direccións relacionadas



Compartir: