DEPORTES

Tres xogadoras profesionais de xadrez promoverán a práctica desta disciplina a través dunhas xornadas en centros educativos

18/12/2017 A concelleira de Deporte, Noa Morales, xunto co presidente da Federación Galega de Xadrez, Gaspar Pérez, e o secretario da Federación Española de Xadrez, Ramón Padullés, presentaron as xornadas de xadrez que percorrerán diferentes centros educativos santiagueses. Encadrada no programa Muller e Deporte, esta iniciativa, con conferencias e partidas simultáneas, busca promover a práctica feminina do xadrez e difundir o mundial cadete de xadrez que acollerá Santiago de Compostela do 3 ao 16 de novembro de 2018.

Os encontros estarán guiados polas xogadoras Sabrina Vega (1ª no ranking feminino español e 43ª no mundial), Yudania Hernández (6ª no ranking español) e Inés Prado (campiona galega e 30 no ranking español), "tres xogadoras avaladas por unha ampla traxectoria dentro do mundo do xadrez", explicou Noa Morales. A concelleir aexpresou o seu desexo de que estas actividades permitan "achegar o xadrez á xente máis nova nos colexios e institutos e, por outra banda, darlle visibilidade ás grandes xogadoras que temos en xadrez", engadiu.

As xornadas arrancarán mañá martes 19 de decembro, ás 12:30 no CEIP Pío XII, onde os encontros serán dirixidos por Sabrina Vega. A xadrecista estará pola tarde, ás 17:30 horas, na Escola de Xadrez Compostela. As partidas continuarán o mércores 20, ás 10:00 horas, no IES Eduardo Pondal, tamén con Sabrina Vega; e ás 13:00 horas, no CEIP López Ferreiro, pero desta vez con Yudania Hernández. Por último, o venres 22, ás 18:00 horas, a xadrecista Inés Prado conducirá a actividade no Local Sociocultural do Casco Histórico.

O presidente da Federación Galega de Xadrez, Gaspar Pérez, indicou que estas actividades inician un programa que rematará con campionato mundial cadete de xadrez que acollerá Compostela en novembro. Con todo, dixo, "esperamos que non acabe todo aí, senón que o xadrez continúe máis vivo na cidade a partir do encontro de novembro".

Finalmente, o secretario da Federación Española de Xadrez, Ramón Padullés, enmarcou estas xornadas nas actividades que a Federación realiza para a promoción de muller e xadrez, coa axuda da Subdirección General de Mujer y Deporte do Consejo Superior de Deporte. O seu obxectivo, apuntou, é "visibilizar o xadrez feminino, xa que moi pouca xente sabe que hai mulleres profesionais en España, e tamén promover deste xeito que as mulleres non abandonen a práctica deste deporte cando chegan a idades entre os 17 e 18 anos". Ademais, búscase que o alumnado dos centros educativos vexa a importancia que ten o xadrez para o desenvolvemento académico e rendemento escolar".

Compartir: