BENESTAR ANIMAL

Benestar Animal colabora coas asociacións en varias iniciativas durante o Nadal

18/12/2017 A chegada do Nadal tamén se vai notar no Departamento de Benestar Animal, que colabora con varias iniciativas impulsadas polas asociacións que traballan neste ámbito en Compostela. As actividades foron presentadas pola concelleira Noa Morales e por representantes dos colectivos implicados.

Noa Morales explicou que o Concello quere aproveitar estas datas para "incidir na concienciación da veciñanza, para reiterar as mensaxes de que os animais non son agasallos e para contribuír a que se coñeza o traballo das asociacións animalistas de Santiago".

Gala de Nadal polo Benestar Animal
Unha das principais actividades será a Gala de Nadal polo Benestar Animal, que se celebrará mañá martes, a partir das 20:00 horas, no Teatro Principal. O evento, patrocinado polo Concello, está organizado pola Asociación Protectora de Animais do Camiño (APACA) e pola Asociación de Cans Potencialmente Perigosos en Adopción (3P.a). Os colectivos estiveron representados na rolda de prensa por Raquel Freiría e Loreto Corral, respectivamente. Segundo explicaron, o seu obxectivo principal "é dar a coñecer o traballo das dúas asociacións e conseguir fondos para as súas actividades, xa que ningún dos colectivos ten convenios coas administracións públicas". Todo o recadado, unha vez sufragados os custos da gala, será para os dous colectivos.

A Gala de Nadal polo Benestar Animal estará presentada por Octavio Villazala, Belén Barros, Manuel Andrade, Cristina Iglesias e Saamira Ganay. A música correrá a cargo de Lucho Mak y los Canallas, Manuel Pedreira, Loli Nogueira, Mini e Uxía. Tamén haberá colaborarán Antón Reixa e Manuel Rivas. Ademais, haberá dous relatorios a cargo das dúas asociacións organizadoras.

As entradas-donativo custan 8 euros, pero tamén é preciso colaborar cunha fila cero. Os pases están á venda no propio Teatro Principal, no Refuxio de Bando, no local de APACA en Fontiñas, na tenda vegana Herbas, da rúa dos Pitelos, e na tenda de complementos para mascotas Peludos en Compostela. Tamén se poden atopar na cafetería O Café da Vila, en Bertamiráns.

Exposición
Noa Morales adiantou tamén que a Concellaría de Benestar Animal pretende colaborar coa asociación Micos do Barrio, para "estender á cidade a exposición que o colectivo organiza cada ano no Centro Sociocultural de Fontiñas para mostrar o seu importante labor cos gatos de rúa". A intención é levar esa mostra a outros puntos como a praza Roxa ou a rúa da Carreira do Conde.

Dende Micos do Barrio, Ángeles Doval explicou que, este ano a mostra leva por título "Ola, nós tamén somos picheleiros", e bota man de fotografías de Ana Ramos e Xoán Ribeira, que "colaboraron de xeito desinteresado para mostrar como é a vida dos gatos rueiros e tamén cal é o traballo que desenvolven con eles os voluntarios e voluntarias". A exposición completarase con elementos complementarios feitos con material de refugallo.

Por último, o Departamento de Benestar Animal vai incidir novamente durante este Nadal na mensaxe de que "Un animal non é un xoguete", a través de cartelería específica, que "pretende concienciar á veciñanza de que coidar dun animal precisa dunha gran dose de responsabilidade, e non se pode agasallar un can ou un gato como se fora un xoguete calquera". Ademais, Noa Morales reiterou que "comprar un animal é a peor das opcións, e sempre é preferible recorrer á opción da adopción, botando man, por exemplo, do Refuxio de Bando".

Compartir: