ALCALDÍA

O Goberno pecha no Ensanche os encontros "Ao vivo" deste ano

15/12/2017 O alcalde e os concelleiros e concelleiras do grupo de Goberno mantiveron hoxe o último "Encontro ao vivo" do ano, desta vez coa veciñanza do Ensanche. O acto tivo lugar no Centro Sociocultural e Xuvenil do Ensanche.

A mobilidade foi un dos asuntos que centrou parte do encontro. Os veciños e veciñas interesáronse polas melloras previstas no servizo de transporte urbano, ao abeiro da nova licitación. O concelleiro Jorge Duarte explicou que o obxectivo é "ter un transporte eficaz e confiable", e para iso deseñouse un novo mapa de rutas "con menos liñas, pero que abarcan o mesmo territorio e que terán as mesmas frecuencias". Tamén apuntou que a intención do Goberno é que o novo servizo se empece a licitar nos próximos meses, para que a nova concesión se produza a finais de 2018.

No "Encontro ao vivo" tamén se formulou a petición dun carril bici para o Ensanche. Duarte explicou que "o Goberno aposta pola pacificación do tráfico, para mellorar a convivencia entre coches, bicicletas e peóns". O concelleiro de Mobilidade apuntou, ademais, que "está previsto acondicionar un carril bici cara Chaián, unha das propostas seleccionadas no proceso de orzamentos participativos".

Mantemento e outras obras
As obras de mantemento e reurbanización foron outro dos asuntos polos que se interesaron os veciños e veciñas do Ensanche. O concelleiro Rafael Peña explicou que nos últimos meses se fixo un grande esforzo para acometer reparacións neste ámbito, "que se atopaba moi deteriorado". O edil de Obras explicou que, despois das festas de Nadal, comezarán outros traballos importantes no Ensanche, como as reurbanizacións da avenida de Vilagarcía e de Rapa da Folla.

En canto ao Campus Sur, o alcalde encargouse de explicar que "se está renegociando o convenio do Concello coa Universidade de Santiago, co obxectivo de ter un acordo que realmente se poida cumprir e o Concello acometa as obras de mantemento que lle corresponden". Nesa liña, apuntou que no marco da estratexia EDUSI, que supuxo a captación de dez millóns de euros de fondos europeos, prevese un investimento dun millón de euros no Campus Sur. Ademais, Martiño Noriega indicou que se están acometendo outras actuacións na zona universitaria a través de acordos puntuais, como o arranxo do campo de fútbol ou das pistas de atletismo.

Satisfacción da veciñanza cos "Ao vivo"
Os veciños e veciñas do Ensanche agradeceron a oportunidade que lles brinda o "Encontro ao vivo" para expresar as súas demandas ao Goberno local, e tamén as súas queixas.

A do Ensanche foi a última reunión das nove celebradas ao longo de todo o ano, que levou ao alcalde e a todos os concelleiros e concelleiras tanto aos barrios da cidade como á zona rural. Os "Ao vivo" forman parte da aposta do Goberno local pola participación da veciñanza na vida política e serven de complemento a outras iniciativas como a dos Orzamentos Participativos.

Compartir: