XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno aproba o Plan Director de San Domingos de Bonaval

15/12/2017 A Xunta de Goberno aprobou hoxe o Plan Director do Conxunto de San Domingos de Bonaval, presentado polo Consorcio de Santiago. Trátase, segundo explicou o alcalde, "da folla de ruta que vai marcar o redimensionamento do Museo do Pobo Galego, na aposta decidida das diferentes administracións por convertelo no Museo Nacional do país".

Martiño Noriega explicou que o Plan Director "vaise substanciar no programa de investimentos que vai facer o Consorcio no Museo, e que suporá o investimento de 400.000 euros en 2018, e un total de dous millóns de euros de aquí ao próximo Ano Santo".

O Plan Director fai unha análise histórica e arquitectónica do conxunto de San Domingos de Bonaval e inclúe unha detallada planimetría do seu estado actual. Ademais, recolle os criterios xerais e prácticas para intervir na rehabilitación e reestruturación do conxunto, e achega algunhas hipóteses para a intervención no Museo do Pobo Galego.

Obras do pavillón Apóstolo Santiago
A Xunta de Goberno tamén acordou hoxe suspender o inicio das obras no pavillón deportivo do Apóstolo Santiago ata o mes de maio de 2018. O alcalde explicou que esta decisión foi acordada coa empresa contratista e cos usuarios do recinto, co obxectivo de garantir o normal desenvolvemento da programación deportiva comprometida. Martiño Noriega explicou que a intención é que as obras no arranquen ata que estean rematadas as do pavillón Monte dos Postes.

Acordos e subvencións
Na xuntanza de hoxe acordouse a adhesión do Concello de Santiago a un convenio de colaboración coa Xunta e a FEGAMP para a posta en marcha de programas de atención e protección da saúde. A achega da Administración autonómica para estas actividades superará o medio millón de euros. Ademais, deuse conta da concesión doutra subvención da Xunta para actividades de inclusión social da poboación xitana, inmigrante e en risco de exclusión social, por algo máis de 130.000 euros.

Tamén se deu conta da sinatura de dous convenios entre o Concello e a USC, un para o programa de Formación, Difusión e Promoción do Voluntariado, por un importe de 8.000 euros; e outro para a Formación, Difusión e Sensibilización en materia de igualdade de xénero, por 11.000 euros. Do mesmo xeito, deuse conta do convenio co Conservatorio de Música Tradicional e Folque, por 20.000 euros.

A Xunta de Goberno de hoxe, por estarmos a finais de ano, incluíu numerosos puntos relativos á xustificación de convenios asinados no seu día entre o Concello e entidades como a Asociación Cultural O Galo, a Fundación Rosalía de Castro, o curso Música en Compostela, a SD Compostela ou o Futsal.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: