ACCIÓN CULTURAL

A Banda Municipal de Música celebrará o seu 170 aniversario cun amplo programa de actividades

15/12/2017 A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, presentou este venres as actividades nas que está traballando a Banda Municipal de Música para conmemorar o se 170 aniversario. Na rolda de prensa tamén participou o director da formación, Casiano Mouriño.

A concelleira de Acción Cultural explicou que "aínda que existen diversas versións, os estudos máis rigorosos sitúan o nacemento da Banda en 1848, como centro formativo de músicos vinculado á Casa Hospicio". Anos despois, en 1876, "a formación pasou a depender directamente do Concello, que a profesionalizou, regulou a incorporación dos músicos a través de probas de acceso, fixou salarios e tarifas dos concertos, e converteu á Banda nun auténtico referente para toda Galicia".

Branca Novoneyra tamén fixo referencia "ás continuas crises que tivo que ir superando a Banda por distintos motivos, e que mesmo levaron á súa disolución entre 1959 e 1964". A edil recoñeceu que "a Banda Municipal de Santiago sempre soubo sobrepoñerse, poñendo a calidade musical por riba de todo, e gañándose o cariño e o respecto de toda a veciñanza de Compostela". A concelleira mostrouse convencida de que "por iso é de xustiza celebrar estes 170 anos de historia cunha programación especial na que non faltarán grandes colaboracións, concertos moi emotivos, e mesmo a gravación dun disco conmemorativo".

Ademais, incidiu en que as actividades previstas "van servir para atraer novas audiencias para a Banda, que ten un público moi fiel pero que precisa chegar a novas xeracións de espectadores". Tamén vinculou a conmemoración do aniversario á celebración do Ano Europeo do Patrimonio.

Importantes colaboracións
O encargado de debullar o programa co que se vai celebrar este 170 aniversario foi o director da Banda. Casiano Mouriño explicou que "ao longo de todo 2018 teremos moitos concertos especiais, pero tamén mesas redondas ou unha exposición".

O director salientou o concerto que se vai celebrar o próximo 14 de xaneiro "no que contaremos coa colaboración do director da Banda Municipal de Barcelona e da Banda Municipal de Bilbao, José Rafael Pascual-Villaplana". Casiano Mouriño destacou que "falamos de todo un referente na dirección de Bandas, e aínda que mostrou a súa total disposición a colaborar neste aniversario, foi complicado atopar datas na súa axenda para a organización deste concerto".

Ademais, haberá colaboracións coa Real Filharmonía de Galicia, durante as festas da Ascensión; coa Banda Municipal de Música da Coruña, con concertos en Compostela e na cidade herculina; a Asociación Galega de Compositores, os Amigos da Ópera de Santiago, ou o Conservatorio de Música de Santiago.

Disco e exposición
Casiano Mouriño explicou que, máis alá dos concertos, haberá outras actividades para conmemorar os 170 anos da Banda. Así, está prevista a gravación dun disco conmemorativo do aniversario, que se centrará na música galega, e tamén a organización dunha exposición sobre a historia da formación, en colaboración co Consorcio e que terá lugar na Casa do Cabido. Na mostra poderanse ver fotografías e mesmo partituras das pezas interpretadas pola Banda, e está prevista a organización de mesas redondas nas que, entre outros expertos, participará Beatriz Cancela, autora dun volume que recolle a historia da Banda de Santiago.

Tamén se encargou unha partitura especial para celebrar o 170 aniversario, na que está traballando o compositor compostelán Fernando Buide, e que Casiano Mouriño confía en poder estrear no mes de maio.

Ademais, o director da Banda explicou que se está a traballar para que Santiago acolla o IV Congreso Nacional de AMProBand, a Asociación de Músicos De Bandas Profesionais de Música.

Compartir: