XUNTA DE GOBERNO

Iniciada a licitación das obras de reurbanización da rúa das Cancelas

17/11/2017 A Xunta de Goberno acordou hoxe iniciar o procedemento de adxudicación das obras de reurbanización da rúa das Cancelas, no contorno da subestación eléctrica. Trátase dunha actuación na que se van investir algo máis de 200.000 euros, e que, tal e como lembrou o alcalde, "responde a unha demanda histórica da veciñanza".

As obras afectaranlle á rúa Cancelas, no seu primeiro tramo dende a conexión coa avenida Rodríguez de Viguri, e a Rodríguez de Viguri, dende a conexión coa rúa Cancelas ata a conexión coa avenida do Camiño Francés. O obxectivo principal da actuación é darlle continuidade aos percorridos peonís en condicións de seguridade e accesibilidade. Para iso, construiranse beirarrúas nos tramos que carecen delas. Ao mesmo tempo, reformaranse e melloraranse as instalacións de recollida de pluviais e dotarase a zona de alumeado público.

As obras teñen un prazo de execución de tres meses e Martiño Noriega sinalou que "a estimación é que poidan comezar ben avanzado o primeiro trimestre do ano que vén".

Casa das Máquinas
Aínda en materia de obras, a Xunta de Goberno acordou hoxe a solicitude dunha subvención á Deputación Provincial da Coruña para afrontar unha nova fase dos traballos de rehabilitación da Casa das Máquinas de Galeras. O alcalde lembrou que o Concello "xa ten acometida unha primeira fase dos traballos, que permitiu estabilizar o edificio, que sufría un grave risco de derrubo". Para a segunda fase precísase un orzamento dalgo máis de 252.000 euros, dos que a Deputación subvencionaría 201.000 euros.

Martiño Noriega apuntou que "aínda quedaría pendente a Fase III da actuación, para afrontar os espazos interiores, e as estimacións iniciais apuntan a un orzamento de 80.000 euros".

Reserva especial de emprego
Na reunión de hoxe tamén se lle deu o visto bo ao inicio do procedemento de adxudicación do servizo de conservación e mantemento do Parque de Brandía. A proposta do concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, ao contrato só poderán optar centros especiais de emprego e empresas de inserción. O orzamento de licitación é de case 65.000 euros, IVE incluído.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: