XUNTA DE GOBERNO

O Goberno interpón unha demanda contra Carmen Franco para reclamar as esculturas do Mestre Mateo

27/10/2017 A Xunta de Goberno acordou hoxe interpoñer unha demanda de xuízo ordinario contra Carmen Franco y Polo para reclamar as dúas esculturas do Mestre Mateo que están en mans da familia Franco malia a seren propiedade do Concello de Santiago. O alcalde, Martiño Noriega, deu conta desta decisión, "que se adopta despois de que a herdeira do ditador non respondera ao requirimento que se lle enviou para solicitar a devolución das pezas".

O alcalde explicou que a demanda se interpón ante o Xulgado de Primeira Instancia de Madrid, porque "este tipo de accións xudiciais que lle afectan a bens mobles é preciso formulalas no lugar de domicilio da persoa demandada". Na argumentación xurídica, o Concello "contrapón que as pezas foron compradas polo Concello de Santiago nunha acción perfectamente legal e documentada, mentres que non existe ningún documento que xustifique que as dúas esculturas acabaran no poder da familia Franco".

A demanda que se vai presentar tamén sinala que as dúas esculturas adquiridas polo Concello de Santiago pasaron a ser bens de dominio público "e polo tanto non se pode alegar a prescrición para que a herdeira da familia Franco non as devolva". Ademais, incídese en que as pezas do Mestre Mateo forman parte do patrimonio histórico-artístico nacional "que nin a Lei de 13 de maio de 1933 de Patrimonio Artístico Nacional, nin a posterior Lei 16/1985 do Patrimonio Histórico Español permite vender nin ceder a ningún particular, se non tan só a outra administración pública".

A demanda xudicial vai acompañada de numerosa documentación, tanto relativa á compra das esculturas por parte do Concello de Santiago, como á autentificación das pezas, realizada polo catedrático de Historia da Arte da Universidade da Coruña Ramón Yzquierdo Perrín.

Prazos
Na demanda, pídeselle ao xulgado que se declare que as dúas esculturas pertencen ao Concello de Santiago e que se condene a Carmen Franco y Polo a que as devolva á Corporación para sexan obxecto de exposición permanente no Museo da Catedral de Santiago.

Unha vez presentada a demanda, a herdeira de Franco terá un prazo de 20 días para presentar as súas alegacións, antes de que se fixe a Audiencia Previa. A asesoría xurídica municipal estima que o caso se resolva, en primeira instancia, nun prazo máximo dun ano.

Compartir: