TURISMO

Turismo de Santiago promociona a cidade como destino cultural e gastronómico en Estados Unidos e Canadá

17/10/2017 Turismo de Santiago participa esta semana nas Xornadas Directas de Turismo Cultural e Gastronómico, que se celebran en Santa Fe, Nuevo México. Estas xornadas, organizadas por Turespaña, diríxense directamente aos profesionais de EEUU e Canadá, mercados que cada vez teñen maior importancia para o sector turístico de Santiago, especialmente o estadounidense.

Turismo de Santiago fixo onte unha presentación da cidade como un destino cunha ampla oferta patrimonial, cultural e gastronómica, que ademais ofrece ao mercado norteamericano o valor engadido de ser o destino do Camiño de Santiago, ruta de peregrinación a partires da cal naceu e se desenvolveu a idea de Europa, e que así pode servir ao público norteamericano como introdución para a cultura europea.

Estados Unidos é xa o terceiro mercado internacional en número de pernoctacións na cidade, segundo os datos do INE. No ano 2016 sumou 75.499 pernoctacións, cun aumento do 14,7% respecto do 2015, só tras Italia e Alemaña. O ano pasado tamén ocupou o terceiro lugar en peregrinos internacionais, tamén tras Italia e Alemaña, con 15.236 peregrinos e un crecemento anual do 11,5%.

O mercado estadounidense segue unha liña constante de crecemento dende o ano 2010, no que se estreou a película The Way, na que colaborou a Santiago de Compostela Film Commission, servizo de Turismo de Santiago para a promoción turística da cidade a través do audiovisual.

Dende o ano 2010, o número de pernoctacións de turistas estadounidenses nos hoteis da cidade multiplicouse por tres, pasando de 25.031 a 75.499, e o número de peregrinos multiplicouse por preto de cinco, pasando de 3.334 a 15.236. Estas cifras avalan o traballo nos últimos anos de Turismo de Santiago, que desenvolveu múltiples accións de promoción no mercado norteamericano.

Compartir: